O Camiño dos faros, sendeirismo para descubrir a Costa da Morte

Se de algo podemos estar orgullosos na Costa da Morte é da beleza da nosa paisaxe. Ás veces achegámonos aos sitios máis turísticos, e algúns a outros menos coñecidos, para contemplar e gozar da paisaxe que nos brinda a nosa costa, coa mirada ao horizonte posto no Atlántico. A maioría usamos o coche para ir de visita, cando contamos con rutas de sendeirismo que nos permiten facer o mesmo, máis en realidade, camiñando, facendo exercicio, compartindo experiencias e mergullándonos realmente no mundo natural. Moitos por descoñecemento, outros por falta de tempo e, por suposto, por preguiza, nunca intentaron realizar as moitas rutas de sendeirismo existentes na nosa xeografía. Para os máis experimentados e para os que nunca o intentaron, xa non hai escusa. Grazas a O Camiño dos Faros contamos coa primeira ruta que une toda a Costa da Morte, desde Malpica a Fisterra, deseñada sen interrupción para percorrer todo este litoral.

No faro de Malpica comeza a ruta. /FOTOS CEDIDAS/

Sendeirismo en paralelo ao mar

O Camiño dos Faros é un proxecto de Traski, o trasno da Costa da Morte, enmarcado na súa Guía Turística Costa da Morte. Detrás desta imaxinaria criatura atopamos “un grupo de amigos que sabemos que a Costa da Morte é un espectáculo para os sentidos e quixemos unir o faro do porto de Malpica co faro de Fisterra”, comenta o trasno. “A única regra era que tiña que ser pola beiramar sempre que fose seguro”, continúa. E así xurdiu esta ruta da que estamos a falar. Son 180 kilómetros para andar en paralelo ao mar, agás nalgúns momentos, nos que aínda que intentaron achegarse o máximo posible non pode ser xa que “hai anacos de costa inaccesibles, acantilados en picado, e casos coma do Porto de Niñóns á Praia de Barda onde antes había camiños pero agora están cubertos de toxo”, sinalan os autores. Neste sentido, aproveitan para reivindicar a presenza de cabalos (os máis vellos do lugar comentan que antigamente si os había) que farían moito máis accesibles os montes da costa.

Os faros como inspiración

A propia ruta ten un nome atractivo. Elixírono “porque os faros son o máis característico da Costa da Morte”, sinalan. Engaden que “en poucos outros lugares do mundo podes ver tantos faros en tan poucos kilómetros”. Outra causa que fai o camiño especial é que “os faros orientan os barcos e tamén nos dan unha referencia a nós que, gracias a eles, imos vendo todo o o camiño feito e o que nos falta por facer”. Os máis de 180 kilómetros, ademais de faros, ofrecen praias, dunas, acantilados, ríos, montes, miradores e, para os máis románticos, postas de sol.

A escultura “A espera”, xunto o faro de Laxe.

Posta de sol na Punta da Barca.

Nove etapas

Percorrendo os aproximadamente 20 kilómetros de cada etapa, podemos facer a ruta en 9 días. Para os que non esteades en moi boa forma non vos preocupedes porque nos comenta Traski que no seu grupo de amigos hai quen non está acostumado a tal camiñada e “aínda que nos primeiros días custou, no mesmo camiño vas collendo forma e nas últimas etapas non había monte que nos dera medo”.

Para coñecer os puntos de comezo e remate de cada etapa así como os principais atractivos de cada etapa podes clicar nesta ligazón do blog de Traski da Costa da Morte.

En Fisterra remata a ruta e o Faro é visita obrigada.

Sendeiristas en Soesto.

Despois de coñecer un pouco máis O Camiño dos Faros, quen se anima a facer sendeirismo? Como nos comenta Traski, “é un turismo saudable, económico e que permite visitar lugares que de outras maneiras sería imposible chegar”. Ademais, esta ruta permítenos entrar en contacto coa natureza máis próxima e descubrir recunchos que de seguro non sabíamos que existían.

Tamén che pode interesar:

- Camiñando por territorio surfeiro

- Descubre Muxía con Xan Fernández

- De muíño en muíño por Vimianzo

- “O oficio de fareiro aínda segue a ser necesario” Pablo Ces, director de Torreiros

Comentarios
Unha resposta a “O Camiño dos faros, sendeirismo para descubrir a Costa da Morte”
  1. Traski di:

    Graciñas polo artigo.

Deixar un comentario