Muxía rende homenaxe a María Teresa Alvajar

A historia de María Teresa Alvajar pode contarse dende a pel de calquera das tantas represaliadas pola ditadura franquista. Nada na Coruña en 1922, é filla de César Alvajar, xornalista e político, e da galeguista Amparo López Jean. O golpe de Estado militar obriga á familia Alvajar a escapar ó desterro, logo de pasaren polo cárcere da Coruña. Así terán que vivir afastadas da súa terra, ela e as súas irmás: Amparo, que foi escritora e tradutora; Ana María, que tiña dous soños: ver publicadas as súas memorias e poder traer os restos mortais de seus pais á Coruña; e tamén Javier, coñecido pola súa traxectoria política.

Cando por fin pode regresar a Galicia, volve chea de entusiasmo galeguista, unha ilusión que foi inzando o seu espírito dende o exilio. Cando a convidan a un acto de homenaxe organizado pola Consellaría de Cultura e Deporte en 2007 en Compostela, chamou a atención dos presentes co seu sentido relato e co berro “Viva Galiza ceibe!” ao rematar o discurso.  Dende este momento non deixou de recibir homenaxes e premios dende a terra que lle quitaron de nena.

http://www.youtube.com/watch?v=ZMFbVXLz79k

Homenaxes coma a deste sábado en Muxía. Aproveitando a Semana da Muller, o Concello organiza unha tarde dedicada á lembrar a súa figura coa presentación dunha obra sobre a súa vida: Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana. A autora desta biografía, editada por Laiovento, Aurora Marco estará ás 18.00h no Salón de Actos do Voluntariado de Muxía para presentar o libro. De seguido proxectarase o documental de Pablo Ces Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola terra. 

E non rematan aquí as homenaxes. A Galería Mulleres da Biblioteca municipal honra este mes no seu terceiro aniversario a Teresa Alvajar. Trátase dun recoñecemento que todos os meses fai esta biblioteca á unha figura feminina destacada. Para consultar máis información sobre este tema podedes consultar na biblioteca muxiá: Notas sobre Amparo Alvajar, exiliada gallega escrito pola súa irmá Ana María (editada por Ed. do Castro); Exiliadas de Josebe Martínez (Ed. Montesinos) e Nos quitaron la miel. Memorias de una luchadora antifranquista de Rosalía Sender.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario