A aventura do cine no Corme da posguerra

Unhas das características inherentes á Costa da Morte é a súa natureza salvaxe. Ademais dos valiosos produtos da terra e o mar, a paisaxe tamén pode ser fonte de riqueza como escenario para localizar as historias de ficción do cine e a televisión. A presenza dunha produción audiovisual non só aporta beneficios para o lugar no momento da gravación, senón tamén a súa proxección como destino turístico máis alá das nosas fronteiras. Recentemente, lembrabamos nun artigo do Compás o forte impacto da serie da TVG Mareas Vivas na vila de Laxe, que se fixo famosa baixo o nome de Portozás. Nesta ocasión cruzamos a ría para atracar no porto de Corme, un dos primeiros recunchos costeiros retratados polo cinematógrafo.

En 1941 rodouse en Corme Unos pasos de mujer, comedia dirixida por Eusebio Fernández Ardavín e baseada na novela homónima de Wenceslao Fernández Flórez. Nela interviñan como protagonistas dous actores moi coñecidos na altura, Lina Yegros e F. Fernández de Córdoba. Entre os secundarios estaba Xan das Bólas, célebre cómico coruñés que co paso dos anos se convirtiría nun dos secundarios cunha traxectoria máis ampla no cine español.

Corme foi a localización elixida para gravar a totalidade dos exteriores da película, cuxo relato discorría arredor da complicada relación sentimental entre un patrón pesqueiro e unha tanguista recén chegada á vila mariñeira. Quizais a escolla da Costa da Morte como escenario para esta adaptación cinematográfica se vise motivada pola ambientación galega da obra de partida de Fernández Flórez ou a galeguidade do produtor, Cesáreo González.

Por outra banda, o argumento de Unos pasos de mujer dá gran protagonismo aos traballos do mar. Debido a isto, na súa realización interviñeron gran cantidade de figurantes e embarcacións, todas elas cormelás. Deste xeito foi como a ficción cinematográfica se apegou á xente de Corme, a pesar de que nos tempos da inmediata posguerra estivesen pouco interesados nesta arte. As frases dos diálogos aínda son recordadas polos veciños máis vellos e entóanse como se de refráns se tratase. A rodaxe desta comedia en 1941 marcou un antes e un despois na historia da pequena vila bergantiñá, que a recolle entre os seus fitos máis salientábeis para a posteridade.

Unos pasos de mujer foi a primeira película producida integramente por Suevia Films, a empresa de Cesáreo González, coñecida pola produción das gallegadas, filmes saturados de tópicos sobre esta terra. Dela naceu unha longa colaboración entre o produtor e o director que deixou importantes títulos do cine español como El abanderado ou La rueda de la vida. Isto dános unha idea do impacto que tería nos veciños de Corme a chegada da troupe de artistas de primeiro nivel cando as condicións de vida na vila eran tan duras.

Desafortunadamente, o laboratorio onde se gardaba a película sufriu un incendio en 1945, polo que non chegou ata os nosos días ningunha copia do filme. Só se conservan algúns fotogramas e carteis que nos permiten intuír o seu ton. É por isto que coñecemos a historia do filme a través da memoria colectiva da vila de Corme e das escasas referencias bibliográficas.

Na Historia del cine español de Méndez-Leite, fálase de Unos pasos de mujer como “Una realización decorosa, con grandes aciertos destacables del conjunto. Buen ritmo” para rematar salientando que foi do agrado do público pola simpatía do tema e o humano do seu desenvolvemento. Agardamos que algún día a historia nos devolva os rolos de película perdidos e poidamos gozar dunha historia de ficción ambientada en Corme, onde de seguro está presente unha parte dos seus veciños e a súa esencia.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario