Carteleira do 15 ao 21 de marzo

Entre as carteleiras dos multicines de Cee e Carballo contamos con 6 filmes distintos. Desde Compás ofrecémosvos unha breve sinopse para que poidas decidirte por unha.

Jack el cazagigantes, dirixida por Bryan Singer, é a versión para un público adulto da historia de Jack y las Habichuelas mágicas. Un grupo de mozos intentarán salvar a unha princesa, secuestrada polos xigantes. É unha aventura romántica entretida pero non a acompañan as boas críticas.

Oz, un mundo de fantasía, dirixida por Sam Raimi, é a última produción de Disney, unha historia fantástica de aventuras que recrea as orixes do Mago de Oz. James Franco métese no papel dun mago que chega ao País de Oz, onde non o terá fácil, pois as bruxas obríganlle a descubrir quen son os bos e os malos. Entretida e para desfrutar aínda que lonxe de ser unha grande película a pesar do reparto que forma o trío de bruxas, entre o que destaca Michelle Williams.

Los amantes pasajeros, do director Pedro Almodóvar, é a última e esperada película do manchego. É unha comedia que transcorre nun voo a México, onde a tripulación é o máis excéntrica que te poidas imaxinar. Tras unha avería no avión os pasaxeiros comezan a contar os seus asuntos máis íntimos, ante a sensación de ser o último momento nas súas vidas. O trasfondo que se intenta ofrecer nesta comedia é un diagnóstico moral dunha sociedade sumida nunha profunda crise.

Hansel & Gretel: Cazadores de brujas, dirixida por Tommy Wirkola, recupera a historia dos coñecidos irmáns, que anos despois se converten en cazadores de bruxas, algo xustificado por aquel encontro que todos coñecemos na casa máis doce da historia dos contos. A crítica coincide en que non é o mellor filme para actualizar a historia dos Irmáns Grimm. Non chega a ser comedia nin profundiza no suspense, nin sequera nos efectos visuais. Tamén se exhibe en 3D.

Hermosas criaturas, de Richard LaGravenese, conta a historia fantástica que envolve a Ethan Wate, un rapaz que coñece a Lena Duchannes, a moza dos seus soños e pesadelos. Este conto de amores contrariados agocha un perigoso segredo. Trátase dunha película de adolescentes que se eleva na súa categoría polos ben traballados diálogos e o seu gran sentido do humor.

El lado bueno de las cosas, dirixida por David O. Russell, é unha comedia romántica que conta a historia de Pat (Bradley Cooper), quen sae despois duns meses nunha institución mental na que ingresou por agredir ao mozo da ex muller. Vivirá con seus pais (Robert de Niro e Jacki Weaver) e a súa vida cambiará cando coñeza a Tiffany (Jennifer Lawrence), unha rapaza con certos problemas. Xuntos intentarán atopar sempre o lado bo das cousas. Boas interpretacións, conmovedora e un resultado final satisfactorio, son razón suficiente para conseguir as 8 nominacións coas que conta para os Oscar.

 

 

 

Consulta aquí todos os horarios das carteleiras de Cee e Carballo.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario