O “xardín das delicias” de Corcubión

É ben fermoso o seo de Fisterra cando se pon a luz do sol e o monte Pindo brila e destaca con tons vermellos sobre a paisaxe. Encántame ver este espectáculo pendurado no vaivén das barcas do porto de Corcubión, gozando ao mesmo tempo da magnífica vista sobre a arquitectura tradicional desta vila mariñeira. As galerías das casas que miran cara ó mar forman unha fermosa estampa, que se complementa con dous xardíns: un de grandes palmeiras e o outro o “xardín das delicias”.

Unha área verde respira entre as casas de pedra da avenida da Mariña e a propia rúa que vai á beira do mar. O recinto está rodeado por uns valados de construción e nel conviven as especies tropicais coa vexetación máis autóctona (silveiras neste caso). Pero a gran obra de arte é un ghalpón de formigón e ladrillo misturado na base con pedra de granito. Grandiosa construción inspirada no cubismo e nas formas xeométricas que ofrecen os grandes aliados dos albaneis amateurs: os bloques. Que mellor forma de complementar o magnífico centro histórico de Corcubión, o mellor conservado da Costa da Morte, que deixar un monumento ó feísmo, a actual mostra tradicional galega de arquitectura galega!

Non sei se dende o goberno local hai algún proxecto para recuperar este pequeno espazo -eu só son un corvo mariño afeccionado á arquitectura-. Agardo que esta pequena crónica sirva para destruír esa pequena ruína que tanto dano fai á preciosa fachada marítima de Corcubión.

Tamén che pode interesar:

- O edificio inacabado de Quenxe

– O celme do feísmo agóchase preto do Anllóns

– Deus apreta pero non afoga…

Comentarios
2 Respostas a “O “xardín das delicias” de Corcubión”
  1. Pau di:

    Si ben estou de acordo co fondo da tua opinión recomendariache que buscases en google as palabras “Corcubión terrenos cines” para que vexas que o tema non é tan doado como parece, estando incluso xudicializado. Por outra banda aproveito para decir que o seo de Fisterra non existe, ao igual que non existe a ría de Cee. O seo é Seo de Corcubión ao igual que a ría. Xa bastante dano fixo que o alcalde de Corcubión non se opusera a que ao GAC se lle chamase Seo de Fisterra.

    • ocormoranasustado di:

      Xa digo que eu só son un corvo mariño afeccionado á arquitectura, e polo tanto o único que critico é o pouco gusto que se tivo ó construír este ghalpón, arruinando a fachada marítima da vila. Grazas por completar o artigo cos problemas sobre este terreo, que polo vexo levan enquistados máis de cinco anos. Un saúdo!

Deixar un comentario