Sobre a complicada misión de abrir un faro

Dúas décadas pasaron dende que os faros quedaron máis sos do que estaban. En 1993 desaparece o corpo de funcionarios dos fareiros, pasando á automatización e á máquina. Dende aquela só se achegan a estes monumentos algún técnico de cando en vez, e sobre todo turistas e visitantes curiosos e desexosos de coñeceren o interior estes magníficas estruturas construídas sobre unha das paisaxes costeiras máis salvaxes do país.

Faro Fisterra /Foto: Manuel Rial/

Na Costa da Morte, a curiosidade só se pode saciar en certa medida no Cabo Vilán e en Fisterra. No faro de Camariñas a asociación Neria creou unha exposición permanente, un centro de interpretación dos naufraxios, que permite descubrir a arquitectura interior da casa do torreiro –ou torreira, como a derradeira que tivo-. Tamén permiten facer un percorrido visual ata a lanterna do Vilán grazas a un vídeo. Ademais a Asociación de Empresarios de Camariñas organiza mostras de cando en vez para darlle dinamismo e vida cultural ao faro. Nestes momentos, por exemplo, acaban de clausurar unha exposición sobre o patrimonio marítimo e inauguran outra sobre a obra pictórica da artista local Novais (Mª Luisa Rojo-Novais Grandío). No caso de Fisterra tamén se realizan exposicións e presentacións, ademais de teren instalado alí un punto de información turística. Non é para menos, dado que segundo din é o segundo lugar máis visitado de Galicia, despois de Compostela.

Exposición da Asociación de Empresarios de Camariñas no Vilán.

E non hai máis. Fóra destes, non hai outro faro que se poida visitar por dentro e que sirva como espazo cultural ou didáctico. Houbo varios intentos en distintos lugares, pero o certo é que actualmente permanecen en papel mollado. O único faro que tivo en conta ós visitantes é o da punta Nariga, en Malpica, por ser un faro construído hai pouco tempo, no 1995, xa automatizado. O deseñador, o arquitecto César Portela, creou varios espazos que serviran de praza e miradoiro para goce do visitante.

A diferenza doutros lugares semellantes, coma a Bretaña, en Galicia non se está a explotar como é debido a potencialidade turística e cultural destes monumentos da luz. As razóns que se adoitan dar refírense á dificultade de xestionar estes edificios co seu propietario: a Autoridade Portuaria.  Na Costa da Morte, existen pequenas cesións e colaboracións entre Neria e o organismo marítimo para poder abrir o Faro Fisterra e o Vilán. E que pasa co resto?

A cancela segue pechada no Touriñán. /Foto: Manuel Rial/

Segundo o presidente da Asociación Profesional de Turismo da Costa da Morte, Manuel Pan, debería existir un Plan Director de todos os faros da zona “para que se faga unha posta en valor de todos cunha estratexia, sen improvisar.” O ideal, para el, sería que un ente de xestión do turismo da Costa da Morte coordinara todas as accións e desenvolvera un programa común para todos os faros, “e non que cada concello se tivera que encargar de cada cousa”.

É unha proposta, pero actualmente o único que está a funcionar son iniciativas coma a do Vilán, con exposicións frescas e cambiantes que dean vida a un espazo tan valioso e tan desaproveitado ao mesmo tempo.

Tamén che pode interesar:

- O camiño dos faros, sendeirismo para descubrir a Costa da Morte. 

- “O oficio de fareiro aínda segue a ser necesario” Pablo Ces, director de “Torreiros”.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario