As mulleres serán protagonistas no cineclube de Corme

A Asociación de Veciños Eduardo Pondal de Corme continúa animando aos cormeláns a gozar do cinema. En abril é a quenda das películas protagonizadas por mulleres, debido ao cal propoñen o ciclo adicado ao cinema feminista. Baixo esta denominación proxectarán 4 filmes españois de temática social: Solas, Te doy mis ojos, Princesas e Mataharis. En Compás achegámosvos unha breve sinopse de cada unha delas. Se non as vistes aínda, é unha boa oportunidade para facelo. Desde a asociación recordan que a entrada é libre e gratuita, así como os menores de 15 anos deben estar acompañados.

Solas (1999), de Benito Zambrano, é un drama social gañador de 5 Goyas. O filme está protagonizado por Ana Fernández, quen interpreta a María, unha muller que traballa eventualmente limpando e malvive nun pequeno apartamento. Descubre que esté embarazada dun home que non a quere. A súa soidade lévaa a consumir alcol. A nai (María Galiana) non tivo unha vida mellor. Vai visitar á súa filla e coñece a un home. Entre os tres alivian a soidade e a esperanza aparece, por pequena que sexa.

Te doy mis ojos (2003), de Icíar Bollaín, é un drama social que retrata de xeito estremecedor o maltrato. Luís Tosar fai do verdugo nesta historia de violencia de xénero e Laia Marull de vítima nesta historia triste e real. Gañadora de 7 premios Goya.

Princesas (2005), de Fernando León de Aranoa, é un drama que retrata o mundo da prostitución ao tempo que unha bonita amizade entre dúas prostitutas (Candela Peña e Micaela Nevárez, gañadoras dun Goya polas súas interpretacións).

Mataharis (2007), de Icíar Bollaín, relata a historia de tres mulleres que contan secretos alleos mentres que tardan en decatarse de que hai mentiras propias que non souberon ver. É un drama intelixente e cheo de sentimento.

Todos os filmes están programados os venres do mes de abril ás 10 da noite.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario