Carballo prepara os Venres Culturais e o Primavera en Danza

Como cada primavera o Concello de Carballo prepara unha chea de actividades culturais que se desenvolverán entre os meses de abril e maio. Trátase dunha oferta para todos os públicos que se organiza en dous ciclos:

“Románticos” de Mofa e Befa abre a programación este venres.

-Por unha parte están os Venres Culturais que acollerán, entre outros, espectáculos teatrais de recoñecidas compañías galegas como Producións Teatrais Excéntricas/ Mofa e Befa, Voz Audiovisual, Talía Teatro ou Ghazafelhos Teatro. A novidade deste ano protagonízana os grupos afeccionados do municipio carballés, tanto do grupo de Teatro Municipal  como do grupo da Asociación Cultural Vagalume, un dos de máis traxectoria do pobo. Nos Venres Culturais tamén haberá un oco para a música xa que volve o Rockarballo con dous concertos que xuntarán a sete grupos de rock locais. A oferta complétase con cine, a través dun ciclo de tres películas francesas organizado polo Comité de Irmanamento de Carballo con L’Isle Jourdain, así como cun programa de exposicións:  ademais da de Viki Rivadulla e a do XV Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, haberá unha de Mónica Noya e unha de María Luisa Rojo-Novais.

A compañía “Amediometrados” traerá “Entremans”

- Por outra parte está o Primavera en Danza  que achegará de novo a danza contemporánea aos carballeses durante as dúas primeiras semanas do mes de maio. Os asistentes, tanto adultos coma nenos, poderán gozar dun total de 3 espectáculos por parte de dúas compañías galegas e unha de fóra de Galicia: a compañía galega Entremans presenta o espectáculo “Amediometrados”; dende Cataluña chega Thomas Noone Dance con “Lugares extrañamente desastrosos”; e pecha Traspediante co espectáculo “Baleadas”.

Venda de entradas e bonos

O prazo para adquirir as entradas e bonos comeza hoxe mesmo nas Oficinas da Concellaría de Cultura (1º andar do Pazo da Cultura) en horario de 11.00 a 14.00 horas. Os bonos garanten o acceso a todos os espectáculos de pago dos Venres Culturais e aos de Primavera enDanza e custan 19 euros, 14 euros con prezo reducido para estudantes con carné, maiores de 65 anos e menores de 12. No caso das entradas, poden mercarse no despacho de billetes do Pazo da Cultura o mesmo día de cada espectáculo dende unha hora e media antes do inicio da actuación; tamén se poden reservar nun máximo de 4 por persoa no 981 704 300 desde 15 días antes da celebración dos espectáculos. No caso dos espectáculos de balde, se é precisa invitación previa, avisarase coa antelación suficiente para que os interesados e interesadas poidan retiralas nas oficinas de Cultura. Os interesados e interesadas poden consultar o programa ao completo de actividades nun documento en pdf na páxina web do Concello de Carballo así como na Axenda do Compás.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario