Carteleira do 5 ao 11 de abril

Entre as carteleiras dos multicines de Cee e Carballo contamos con 8 filmes distintos. Desde Compás ofrecémosvos unha breve sinopse para que poidas decidirte por unha.

Parker, de Taylor Hackford, é un thriller de acción onde o protagonista rouba cun código determinado, que recorda a Robin Hood, pois só rouba aos ricos. Parker é traizoado polos compañeiros e, coa axuda da guapa Jennifer López, intentará recuperar o botín.

Posesión infernal, de Fede Álvarez, é un remake do clásico Raimi que nos leva de novo ao cinema gore, de terror e fantástico, onde cinco mozos están nunha casa para axudar na rehabilitación dunha amiga. Está poseída por demos pero non o notarán porque pensan que é da falta de drogas. Moito gore e sustos que seguro desfrutarán os fans do orixinal.

Un amor entre dos mundos, dirixida por Juan Diego Solanas. Esta produción canadense relata un romance nada normal, pois a ciencia ficción fai que sexa entre persoas de dous mundos, o de arriba e o de abaixo. Os protagonistas desta historia de amor son Jim Sturgess e Kirsten Dunst. É un filme distinto onde o gran atractivo é a parte visual.

Los amantes pasajeros, do director Pedro Almodóvar, é a última e esperada película do manchego. É unha comedia que transcorre nun voo a México, onde a tripulación é o máis excéntrica que te poidas imaxinar. Tras unha avería no avión os pasaxeiros comezan a contar os seus asuntos máis íntimos, ante a sensación de ser o último momento nas súas vidas. O trasfondo que se intenta ofrecer nesta comedia é un diagnóstico moral dunha sociedade sumida nunha profunda crise.

G.I. Joe: La venganza, dirixida por Jon Chu, é a segunda parte deste filme de ciencia ficción, cheo de acción.

Los últimos días, dos directores Álex e David Pastor, é un filme de ciencia ficción español, que narra o medo da humanidade coa aparición dunha enfermidade fulminante que se estende por todo o mundo. O protagonista, ademais, emprende a misión de atopar a súa moza desaparecida. Quim Gutiérrez, José Coronado e Marta Etura protagonizan o thriller.

Los Croods: una aventura prehistórica, codirixida por Kirk de Micco e Chris Sanders, é unha película de animación cuxas aventuras nos transportan á Prehistoria, cando un terremoto destrúe o fogar de Grug, que terá que marchar en busca doutro lugar coa súa familia. Unha sinxela mensaxe que entenderán os máis pequenos: afrontar os seus medos. Ao tempo, de seguro gozarán con este entretido filme.

Por la cara, dirixida por Seth Gordon, é unha comedia que conta a historia dunha compradora compulsiva (Melissa McCarthy) que merca co nome dun axente comercial (Jason Bateman). Cando este se entera desprázase ata Miami para enfrontarse a ela. Seguro que pode chegar a entreter pero a crítica non avala esta comedia “simplona”.

 

 

 

 

 

Consulta aquí todos os horarios nas salas de Cee e Carballo.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario