“Son Dumbría, Costa da Morte. Se non volvera aquí deixaría de ser quen son”, Begoña Corbal

Begoña Corbal traballa no departamento de fotografía online dunha das cadeas do Grupo Inditex.

“Xornalista, fotógrafa, bailarina de ballet, doctoranda, amiga e amante, viaxeira e un sen fin de cousas miúdas”. Así se define ela. Begoña Corbal naceu na Coruña un 25 de maio de 1988 aínda que está empadroada no Concello de Dumbría desde o 2009. A afección pola fotografía vénlle desde moi cativa por influencia de seu pai. Conta que o vínculo que a une á Costa da Morte é o seu avó, natural da parroquia dumbriesa de Berdeogas. Alí recorda todos os seus veráns e alí decide volver en maio de 2012 cun pequeno proxecto de fotografía entre mans.

Gañadora xa de varios premios fotográficos, Panoramicamente falando. Unha mirada arredor de si é o seu último traballo no que a artista propón, baixo unha luz nostálxica,  o regreso ás orixes de cada quen, “ao terreo que nos fixo e nos mantén como seres naturais”, di.

A dedicación á fotografía vénche desde pequena. Recordas a primeira cámara que tiveches entre mans?

Si, unha Werlisa Certar de meu pai. Tódalas cámaras que tiven nas mans foron del. Ao primeiro collíallas ás escondidas pero co tempo decidiu que era mellor prestarmas aínda que correran o risco de escacharse…

Unha vez na Universidade decides estudar Xornalismo. Formaba parte dos teus plans converterte en fotoxornalista ou aquí a fotografía non tivo nada que ver?

Supoño que sempre vinculei o un ao outro. Sacian a mesma necesidade: o xornalismo é contar o que acontece con palabras, a fotografía con imaxes. Pero, en concreto, apaixóame o fotoxornalismo de guerra, teño unha morea de libros e documentais sobre este xénero.

Recibiches algún tipo de formación complementaria ou es fotógrafa autodidacta?

Recibín clases de fotografía na Universidade e teño moitos libros de formación que me regalaron meus pais. Tamén pasei un tempo no estudio dun fotógrafo profesional pero a persoa que me marcou fotograficamente falando é Juan Cañada, o meu profesor de fotoxornalismo na Universidade de Navarra. El  ensinoume cousas de fotografía máis alá da técnica: “É un camiño de dous: a cámara e o fotógrafo”.

Como se aprende a ser fotógrafo? Quen é o teu maior referente neste mundo?

Apréndese día a día, con moitas horas de dedicación e de instantes a soas coa cámara. Con paciencia, con cariño…Hai momentos nos que non sae nada e outros nos que se consegue o desexado. É daquela cando me invade esa sensación de éxtase inexplicable, brutal. O meu maior referente é Xosé Veiga Roel, un fotógrafo galego que decide coller a cámara unha vez xubilado para saborear a vida doutra forma.

“As miñas fotos falan de min mesma”

Hoxe en día a fotografía forma parte das nosas vidas. Cada vez son máis os profesionais e afeccionados a esta arte. Que teñen as túas fotos que non teñan as do resto?

As miñas fotos falan de min, do que me chama a atención, de cousas que ao final completan un puzzle persoal e íntimo que decido contar a través das miñas fotos. Párome moitísimo nas cousas que para o ollo común son evidentes pero que para min teñen un sabor especial, por iso as fotografío á miña maneira, co meu enfoque, para poder ensinalo desde outra perspectiva. Gusto moito da natureza, algo tan esencial e que a xente esquece a miúdo. Somos natureza.

Instantánea da Rapa das Bestas de Vimianzo. /Foto: Bego Corbal/

Que é o que máis inspira á fotógrafa Begoña Corbal?

A natureza, o campo, descubrir pequenos encantos da Costa da Morte. Este verán percorrina enteira. Fixen co coche uns 18.000 quilómetros en tres meses.

Mesturas a cor e o branco e negro nunha mesma reportaxe. Fas isto no momento ou é algo que decides a posteriori?

É algo que vexo cando fago a foto. Xa mo pide ela cando a estou sacando, aínda que despois lle aplique a posteriori o branco e negro por temas de calidade.

“O retoque fotográfico paréceme un engano”

Es partidaria do retoque fotográfico?

Non. O xenial da fotografía é erguerse ás seis da mañá para captar amenceres: vivir a foto que queres sacar. A fotografía é un diálogo co que retratas nese momento preciso, tes que ter complicidade, paciencia…saborealo! O retoque paréceme un engano, unha mentira, non fala de como é o que fotografías. Invéntase, e iso non é fotografía sincera. Recoñezo que son demasiado purista neste tema, ás veces incluso radical.

No teu blog (http://corbalfotografia.blogspot.com.es) abundan as instantáneas sobre a paisaxe da Costa da Morte. Volves aquí sempre que podes?

Sempre. Son Dumbría, Costa da Morte. Se non volvera deixaría de ser quen son.

Unha das instantáneas de “Panoramicamente falando”.

Precisamente do regreso ás orixes vai a túa última reportaxe, Panoramicamente falando, que vés de expoñer en Dumbría. Con que intención foi feita?

Coa intención de que a xente poida ver as súas orixes, de comprender que todos somos naturais e aprecien iso.

Apaixoada da natureza…Algunha instantánea que se che resista?

Teño moitas que se me resisten, porque a fotografía sempre quere máis. Nunca empacha nin nunca se sabe todo. É un descubrimento continuo.

Actualmente traballas nunha tese doutoral  sobre historia visual recente da Costa da Morte. Nela analizas os avances sociais e económicos da comarca nos últimos 30 anos. Que destacarías do que viches ata agora?

Que a Costa da Morte non deixa de sorprenderme. Xa vos contarei o resultado final cando termine a tese.

Tamén che pode interesar:

-Entrevista á fotógrafa Ana García

Entrevista ó fotógrafo Marcos Rodríguez

-Entrevista á fotógrafa Laura Cuba

-Entrevista ó fotógrafo Antonio Nodar 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario