Tres certames literarios para a primavera da Costa da Morte

Este verán cúmprense cincuenta anos da morte do poeta muxián Gonzalo López Abente. Unha efeméride que non pasa desapercibida para a Fundación co seu nome, que para lembralo pon en marcha o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente.

Poden optar ao premio os textos de máis de 400 versos, escritos en galego e que sexan inéditos, e dicir que non participaran en ningún outro concurso nin foran publicados en papel ou no soporte dixital. Ata o 25 de maio está aberto o prazo para os que se animen a participar neste certame literario.

O gañador poderá levar 2.000 euros, unha estatuíña da artista local Viki Rivadulla e o máis importante, a publicación da súa obra pola editorial Xerais, quen colabora na iniciativa, ademais do Concello de Muxía e da Secretaría Xeral de Cultura.

López Abente e familia. /Fundación Gonzalo López Abente/

O presidente da Fundación López Abente, Félix Porto, cre que este premio se vai consolidar “pola publicidade que terá” e pola calidade do certame, cun xurado formado por tres poetas de recoñecido prestixio no ámbito da literatura galega.

O premio entregarase nun mes sinalado: en xullo, xusto cando se celebrarán os actos de conmemoración do 50 aniversario do pasamento do poeta. Entre eles, presentarase unha composición musical sobre un poema do autor e a publicación da Obra Completa de López Abente, da man de Miro Villar.

Relato curto para igualar a lingua en Cee

En Cee tamén abren prazo para outro premio literario: o II Certame de Relato Curto “Igualando a lingua”. Está dirixido aos maiores de 18 anos, que redacten unha fábula, un conto ou unha historia breve sobre a normalización do galego e a importancia da igualdade entre linguas. O prazo de presentación estará aberto ata o 6 de maio de 2013 (ampliación do prazo 7 días para aqueles relatos que se envíen por correo ou mensaxería, sempre e cando se notifique por fax antes das 13:30 h. do 6 de maio).

Medio cento de artigos normalizadores en Carballo

O Xurado do IX Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo terá que decidir entre 46 traballos nesta edición. A misión correspóndelles este ano a Xurxo Chapela, Belén Puñal (estes dous xornalistas carballeses) e a Carlos Callón (gañador da anterior edición). Nel Vidal será o secretario representante do Concello, sen voto.  Logo de analizar durante este mes as redaccións, na última semana de abril ou na primeira de maio, xuntaranse os membros en Carballo para elixir o artigo gañador e dalo a coñecer.

Nas oito edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo F. Carballido, Olga Patiño, Ana R. Barreiro, Ramón Vilar, Miguel Mosquera, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga, Pilar García Negro, Marica Campo, Marcos Abalde ou Carlos Callón.

Os obxectivos do Premio a artigos xornalísticos normalizadores son promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na prensa.

Máis información

– Bases do I Premio de Poesía Gonzalo López Abente

– Bases do II Certame de Relato Curto “Igualando a lingua”

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario