“Esperamos que co Día da Muiñeira se anime a xente nova a bailar.” Beatriz Louzán

Parece que nos “tempos modernos” xa non queda espazo para o baile tradicional. Cada vez hai menos xente nova que saiba como marcar unha muiñeira, ou en que se diferenza dunha xota ou ata dun pasodobre. Se o baile aínda non desapareceu é por obra e graza das asociacións culturais que loitan ano tras ano porque non morra. Un exemplo veu esta semana, cando os tres grupos de baile tradicional máis coñecidos do país pedían á Xunta que se propoña a candidatura do baile galego á UNESCO, como Patrimonio Inmaterial da Humanidade.

Na nosa comarca temos unha cita ineludible cada primeiro de maio dende hai xa 27 anos. Trátase do Día da Muiñeira, que organiza anualmente a asociación Terra de Sena de Cee. Falamos coa súa nova presidenta, Beatriz Louzán.

Beatriz Louzán é a presidenta da A.C. Terra de Sena de Cee

Despois de tantos anos de tradición, agora que se renova a directiva de Terra de Sena, o festival xa está consolidado e non ten risco de desaparecer, non?

Este ano temos xente, o que pasa é que cada vez hai menos persoas no noso grupo de baile. Estamos intentando que o grupo Terra de Sena non desapareza e con el o Día da Muiñeira.

O Día da Muiñeira ten boa saúde, pero fan falta cartos e para os cartos fan falta xente. Este ano tivemos que buscar patrocinadores que nos axudaran co grupo de baile, por exemplo fomos a Ferroatlántica que nos axudou. Estamos así, intentando aguantar do Día da Muiñeira e, sobre todo, do grupo de baile.

Como responden os grupos da comarca ante a convocatoria do Día da Muiñeira?

Nos arredores veñen os de Corcubión, de Esteiro, Louro, Muros… A participación é estupenda, todos os grupos que hai veñen. Esperamos chegar aos 500 ou 600 bailaríns.

Día da Muiñeira en Cee. /Foto: Fuentes/

Cóntanos, como se vai desenvolver o día?

Se hai bo día, saímos do polideportivo e faremos un pasarrúas. Sobre as cinco e media da tarde chegaremos á praza do Concello e alí bailaremos a muiñeira todos os grupos xuntos tres veces. Despois comeza o concurso, primeiro a categoría A (ata os 14 anos) e logo a categoría B (de máis de 14 anos). No medio actuarán as pandeireteiras  e as gaitas da asociación da Ameixenda.

E no momento no que bailan todos xuntos, tamén tocarán a mesma canción, non?

Si, este ano vai ser a Muiñeira de Lugo cando bailen todos a mesma peza. Despois na parte do concurso bailan a peza que queiran, sexa muiñeira, xota ou o que sexa.

http://www.youtube.com/watch?v=bY4ekDJcc3U

Segue habendo interese das xeracións novas polo baile tradicional?

Cada vez hai menos. Os rapaces cada vez teñen máis cousas que facer. Durante estes últimos anos foise baixando, pouco a pouco vai habendo menos nenos pequenos. E isto non só nos pasa a nós, pasa en todas as partes. Cada vez hai menos xente nova que aguante das asociacións. Esperamos que co Día da Muiñeira esperte algo nalgún rapaz e que se animen a probar.

E respecto ás persoas que si estiveron bailando dende pequenas, cando son maiores continúan no grupo?

Todo o mundo ten unha vida. Hai xente que leva bailando durante anos,  vai estudar fóra e xa lle custa máis vir aos ensaios. No noso caso, o que vai aguantando é o grupo das maiores e levamos anos xuntas. Eu, por exemplo, levo 26 anos bailando. A xente que xa leva anos é o que vai aguantando das asociacións.

“Os rapaces rinse uns dos outros: “Bailas cas nenas!”

Comentabas agora que o grupo que aguanta é o das mulleres. Por que é raro que os homes se animen a bailar muiñeira? Parece que cando se van facendo maiores comezan a ter vergoña por subirse ao escenario…

Eu creo que xa dende pequenos o normal dos rapaces é que xoguen ao fútbol e á play. Cando son pequenos, uns rinse dos outros “Bailas cas nenas!”

Ao final acaban quedando no grupo só as mulleres e parece que por iso ten que ser algo feminino cando non é así.

Non, dende logo que non. Tradicionalmente eran parellas de home e muller, pero aquí hai que bailar co que temos  e a verdade é que hai pouco rapaz.

Outra edición do Día da Muiñeira. /Foto: Fuentes/

Como ves a consideración social da danza tradicional no noso país? É dicir, que pensa a xente en xeral do baile galego?

Non sei se o ven tanto como tradicional. Hai anos a xente xuntábase para apañar patacas ou o que fora e despois facían festa e bailaban. De aí saen os bailes máis tradicionais. Claro, que isto agora xa non existe. Entón, xa non se ve como algo tradicional, senón folclórico.

“Morrer de todo non creo, pero a cousa está cada vez peor.”

Cres que se podería profesionalizar o baile galego? Agora subsisten en asociacións culturais, pero cres que se podería propoñer que existiran profesionais do baile galego, dedicados en exclusiva?

É moi difícil, e tal é como está a cousa, aínda peor. Pero nunca se sabe. Algún día ao mellor si que é posible, pero hoxe é moi complicado.

Se a situación do baile tradicional continúa así, con cada vez menos xente interesada, cres que hai perigo de que a tradición acabe por morrer?

Morrer de todo non creo. Sempre vai haber xente disposta a pelexar. Pero, xa che digo, a cousa cada vez vai a menos todos os anos. Asociacións e grupos que levaban moitos anos ao final tiveron que desistir. Morrer de todo non creo, pero a cousa está cada vez peor.

<i

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario