A santa dos tolos

No alto do monte Torán, en Bamiro (Vimianzo) érguese unha capela construída sobre superstición e ritos precristiáns. Todos os anos, en plena primavera, centos de romeiros da comarca soben ó cumio do outeiro para curar os males da cabeza. “A Montetorán, todos os tolos van”.

As orixes destas costumes pérdense na historia, pero o que si é certo, é que esta ermida se levantou sobre un lugar que non gustaba ó clero. Montetorán é un dos tantos exemplos que hai polo país, dunha capela construída en lugares considerados máxicos, pagáns ou mesmo satánicos. Neste caso, hai varios elementos que fan pensar en ritos precristiáns: unha carballeira, grandes laxes graníticas, e sobre todo, o alto dun monte, onde se xuntarían as forzas do mal, como asegura o antropólogo Mariño Ferro.

Montetorán é un lugar máxico. /Foto: Manuel Rial/

En lugar de prohibir os ritos, a Igrexa optaría por cristianizar o lugar convertendo á Virxe María na curandeira deses males, asegurando que a forza divina é quen sandaría as doenzas.

Como ben di Xosé María Lema, veciño de Bamiro e presidente do SEMESCOM (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte), Montetorán é un monte sagrado, rodeado por cruceiros, dúas ermidas (unha delas desaparecida a comezos do século XX, no Campo da Feira da Piroga), a igrexa parroquial e unha fonte santa, ao pé do monte.

Precisamente é nesta fonte onde os romeiros lavan os seus membros enfermos (principalmente a cabeza) para deixar despois os panos mollados secar ó sol nunhas silveiras.

A actual ermida de Montetorán é do século XVIII. /Foto: Manuel Rial/

Despois deste rito soben ata a ermida, lugar da Romaría, onde se trouxo a imaxe de María dende uns días antes, para que os crentes se ofrezan á santa. Alí o sacerdote imponlles o sinal da cruz nas súas cabezas, pregando pola curación das mentes dos enfermos, tolos e ata enmeigados.

E coma en todas as Romarías, non acaba o día sen festa. A música das gaitas, e máis actualmente das orquestras, animan os corpos dos crentes e dos festeiros que se achegan ata o cumio do monte santo. Algún irá tamén con intencións claras, porque conta o dito que: “Quen non colle moza (ou mozo) en Montetorán, non a colle en todo o verán!”.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario