O Compás cumpre un ano promovendo a cultura da Costa da Morte

No Día das Letras Galegas do difícil ano 2012 un grupo de comunicadores botaba adiante un novo proxecto cultural para a Costa da Morte, unha terra que semellaba erma. Non vos imos enganar, estabamos asustados, pero ó mesmo tempo emocionados e ilusionados. Pasaron xa doce meses e ó botar a vista atrás quedamos ben satisfeitos co que puidemos conseguir sen ningún respaldo económico importante, máis que a nosa propia vontade e agarimo para facervos chegar a información cultural da comarca dun xeito distinto, máis en profundidade, achegándonos ós lugares e falando cos protagonistas das historias.

O obxectivo foi dende sempre amosar que a cultura non morreu na Finisterrae, e para iso damos voz a todas aquelas asociacións, organismos, particulares e concellos que promoven actividades culturais. Facémolo en dous formatos na mesma páxina web (ocompas.com): unha revista cultural dixital e unha completa axenda de lecer.

Tempo e dedicación

No noso proxecto prima a calidade xornalística dos relatos e artigos por riba de todo, e esiximos dedicación e tempo para a redacción. Por iso non reflectimos directamente cada nota de prensa que recibimos, o que buscamos é acudir directamente ós diferentes lugares e falarmos cos protagonistas da noticia.

Deste xeito, temos realizado xa numerosas entrevistas coa xente que fai posible a cultura na Costa da Morte, pero tamén saímos dos nosos lindes para entrevistar a quen ten relación con ela de todas as disciplinas artísticas. Podemos lembrar na música a Xosé Manuel Budiño, Sés, Tonhito de Poi, Os Cempés, Triángulo de Amor Bizarro… No teatro falamos con actores costeiros coma Toño Casais, Artur Trillo, Cándido Pazó, e tamén do audiovisual coma Ignacio Vilar ou os creadores de Un sitio distinto. Tamén coñecemos a fotografía de artistas como Ana García, Marcos Rodríguez, Antonio Nodar… Artistas das letras tamén como Miro Villar, Xosé María Lema… e moitas máis persoas que traballan pola cultura, como todos os responsables, por exemplo, dos grandes festivais da Costa da Morte.

O Compás nace tamén coa idea de servir de plataforma para a xente que queira dar a coñecer a cultura descoñecida da Costa da Morte, e para iso contamos con colaboradores habituais coma a poeta Rosalía Fernández Rial ou o deseño gráfico de Rubén Rial (CanKente).

Crear cultura

Pero o noso proxecto trascende a propia revista, pois o noso obxectivo é tamén sermos axentes activos da propia cultura da Costa ó promover actividades culturais. Un exemplo foi a propia presentación do noso medio, na Casa da Cultura de Vimianzo. Coa intención de facer cultura na Costa da Morte levamos por primeira vez na historia do concello danza e teatro contemporáneo á capital da Soneira a un público que nunca asistira a ningún evento deste tipo.

A artista Laura Mojo foi unha das artistas que colaboraron connosco na presentación. /Foto: Rubén Rial/

Tampouco nos esquecemos do noso primeiro proxecto audiovisual.  Temos en fase de posprodución un documental sobre a cidade romana máis importante da Costa da Morte: “Brandomil. A chave de Roma”. Retrásase máis do que nos gustaría, pero logo sairá á luz.

Buscamos tamén a vosa implicación. Por agosto decidimos poñer en valor a nosa paisaxe, co concurso “Aquí hai fraga!”, no que buscabamos os bosques autóctonos que aínda perviven na Costa da Morte. A gañadora, Merche Caamaño, puido gozar dunha noite de Carballeira en Zas.

En definitiva, o Compás non só fai ver a Cultura na Costa da Morte, senón que tentamos colocala nas mans dos seus propios veciños.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario