“Non queremos fabricar xente pro-palestina ou pro-árabe por ideoloxía, senón por causa e coñecemento.” Ghaleb Jaber, do AMAL

O outono en Compostela viña tendo nesta última década dúas citas cinematográficas ineludibles: Cineuropa e o Festival de cinema Euroárabe Amal. Pero este ano só quedan coa primeira opción, non haberá festival Amal tal e como se coñece, senón que este convírtese en mostra para realizar unha xira polas vilas galegas. O Amal chega por primeira vez á Costa da Morte grazas á man da Universidade Cromática das Virtudes e ó Concello de Corcubión. Dende este venres 24 ata o 21 de xuño, todos os venres haberá unha cita obrigada na vila histórica para asistir ao espectáculo do cinema libre e en versión orixinal. Ademais, as proxeccións realizaranse na Capela do Pilar, en plena zona monumental. Para coñecer máis sobre esta iniciativa falamos co director do Festival Amal, e presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez (Santiago de Compostela, 1981).

Ghaleb Jaber Martínez, presidente da Fundación Araguaney. /Foto:AMAL/

Despois de dez anos o Festival AMAL deixa Santiago para achegarse ás vilas galegas. Por que este cambio?

Non, non deixa Santiago. Deixa o formato do festival. Porque entre unha mostra e un festival hai uns requirimentos moi importantes que hai que cumprir. Hai que facer festas, convidar directores, participantes… De cincuenta a cen persoas que viñan dende lugares moi afastados: os Estados Unidos, o mundo árabe, de Europa… Apostamos por isto mentres que podiamos. Dende que empezou a crise, e a pouca axuda que tiñamos practicamente desapareceu, pois dalgunha maneira convertemos o festival nunha mostra de cinema ampla, espallada por toda Galicia, por todo o panorama español e a nivel internacional tamén. Pero nunca deixaremos ós cidadáns, aos que lles gusta ese tipo de cinema libre nunca nos van perder. Perderannos os políticos, porque así non terán unha oportunidade de inaugurar nin clausurar para sacarse unha foto.

Precisamente comentábase que este ano non houbo moita colaboración do goberno local compostelán…

Xa, pero nunca houbo. Non é unha cousa nova. Produciuse unha reacción cando houbo un cambio de goberno a Xerardo Conde Roa, que ofrecía unha axuda pequena, pero despois isto con outras persoas que están alí pois… Eu xa llo dixen a el, que ofrecer dez mil euros para un festival de máis de 300.000 euros, que para el é unha carga para os orzamentos do Concello de Santiago, pois mira eu líbrovos disto e renuncio á axuda. Cando sobre todo eu o que preciso é xente que me axude noutras cousas, vendo os filmes, discutindo, entendendo o problema, preguntando… Pero non soamente para sacar fotos e facer discursos.

Esta situación, polo menos, vai beneficiar ás pequenas vilas galegas, como Corcubión no caso da Costa da Morte, que agora teñen a oportunidade de acoller unha mostra deste tipo.

Todas as pequenas e grandes vilas galegas teñen a oportunidade, teñen a Fundación ó seu servizo. Temos as portas abertas, colaboramos desinteresadamente para axudar nestes momentos difíciles. Podemos facer chegar ciclos de cinema, un cine ben feito, de causas e de autor. Mentres a xente se interese, nós estamos alí.

“Isto é cinema construtivo porque incrementa o nivel cultural das baterías galegas.”

Por que se elixiu Corcubión? Supoño que habería unha predisposición por parte da asociación ou do Concello.

Si, está habendo resposta de concellos pequenos, medianos e grandes. Pero en Galicia hai unha gran tradición que o que sempre se pide é música, festa para o verán e tal. Mais penso que algo como isto é cinema construtivo porque incrementa o nivel cultural das baterías galegas. Sabemos que é un labor difícil, pero pouco a pouco temos xa 37 concellos galegos dispostos a acoller a mostra, tamén cara fóra, en Euskadi, Cataluña, Andalucía, noutras vilas españolas e ademais México, Panamá, Caracas, Arxentina…

No caso de Corcubión, producirase un detalle especial. Os filmes árabes proxectaranse nunha antiga capela cristiá. Diso vai o festival, non? Do achegamento entre culturas.

A min encántame Corcubión, sempre que teño algunha oportunidade de visitar a Costa da Morte sempre paso por alí. De feito, alí perto vive o doutor Safa, un compañeiro meu, que é un valor tremendo.

Pois proxectar coma en Corcubión en espazos dese tipo –aquí en Compostela proxectamos na capela da Universidade de Santiago-, é unha forma máis de tender pontes entre culturas. Nós non queremos fabricar xente propalestina ou proárabe por ideoloxía, senón por causa e coñecemento.

Ou sexa, que non se quere inculcar un valor. Simplemente, ensinarlle a xente a realidade do que está pasando e que sexan eles mesmos os que xulguen, non?

Por suposto. Sempre defendo que a cultura é como un templo de catro paredes ou catro columnas: Unha delas é a formación, a segunda é a información –investigación, coñecemento e actualización-, a terceira e a conciencia e análise do pensamento, e a cuarta é a expresión ou transmisión do coñecemento. Isto é a cultura en global. Non soamente ter ou non ter formación. Porque se todo iso non o podemos analizar ben, non podemos sacar conclusións. Prefiro que a xente vexa, que escoite -a través dos medios hai moita desinformación- e que coñeza sobre o terreo o que está pasando. Que mire que non está só dirixido a través da fábrica de manipulación que son as televisións e o cinema.

“Bromas aparte” de Vanessa Rousselot.

Eu teño unha anécdota. Cando estaba a presentar un traballo en Madrid cun amigo, unha desas persoas entre comiñas culta, é dicir titulada, dicía que isto era unha mostra de propaganda palestina. El preguntoulle en que medio traballaba e dixo: “Estamos acostumados a ver todos os días propaganda americana, a outra parte. E por unha vez que a causa palestina queira presentar un ou dous filmes, chamámoslle propaganda. Vostedes o que teñen que facer é mirar un filme mailo outro, para despois sacar as súas propias conclusións.”

Eu quero que a xente pense. Se cada vez que facemos algo nunha vila pequena, haxa dúas persoas e esas persoas aproveitan para pensar e sacar conclusión, e gañar un amigo, pois estou disposto a ir ao fin do mundo… a Fisterra, por suposto, e a Corcubión! (ri)

“O primeiro que pido á xente é que vaia sen prexuízos nin a favor nin en contra de ninguén”

Desas dúas persoas que poden ir ver o filme, con que actitude teñen que ir para ver un filme do Amal? Porque, ó mellor é a primeira vez que ven algo deste tipo.

O primeiro é querer saber a verdade. Na miña terra sempre dicimos que os grandes conflitos da humanidade nunca foron as guerras nin as miserias, senón a ignorancia. O primeiro que pido á xente é que vaia sen prexuízos nin a favor nin en contra de ninguén. Que vaia, que analice e que se enriqueza culturalmente.

http://www.youtube.com/watch?v=eYLvBR1R2uM

PROGRAMA

- Rabat.  De Jim Taihuttu e Véctor Ponte. (24M) Premio Amal 2012 á mellor longametraxe de ficción.

Le thé ou l´electricite. De Jérôme Le Maire. (31M) Premio Amal 2012 á mellor longametraxe documental.

- Bromas aparte. De Vanessa Rousselot. (7X)

- Ensemble. De Mohamed Fekrane. (14X) Premio Amal 2012 á mellor curtametraxe de ficción.

- Eid. De Saaheb Collective. (21X) Premio Amal 2012 á mellor curtametraxe documental.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario