Aberto o prazo do VIII Certame de poesía erótica “Illas Sisargas”

A Asociación Cultural O Caldeirón, coa colaboración do concello de Malpica, acaba de presentar as bases para unha nova edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, que este ano contará cun gañador de 1.000 euros e a publicación da obra dentro da colección Caldeirón.

Os poetas que queiran aportar as súas creacións literarias poden facelo ata o 30 de setembro deste 2013, data na que remata o prazo de presentación de exemplares. A temática, como o propio nome do certame indica, ha de ser vencellada ao erotismo e as obras deben estar escritas en lingua galega. Ademais, han de ser inéditas e non ter gañado ningún premio.

En canto a dimensión e presentación, as poesías terán unha extensión inferior a seiscentos versos e presentaranse por triplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A4 -por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados-.

O fallo do xurado terá lugar en novembro, na Cea das Letras que se celebra o segundo sábado de dito mes. Nesta gala tamén se presentará a publicación da obra gañadora no certame de 2012: Chámademe Eva de Mercedes Leobalde.

Presentación en rolda de prensa do VIII Certame de poesía erótica Illas Sisargas. /Foto: Cedida/

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario