“Era o momento axeitado para sacar o disco, porque a coral medrou en calidade”. Isidro Caamaño, da Coral Neria

Hai uns cinco anos nacía na Costa da Morte unha nova Coral con ánimo de comarca. O seu nome, a Coral Polifónica Neria-Costa da Morte, deste xeito, malia que os ensaios se realizan en Cee a Coral non quere enmarcarse en ningún concello concreto: son cantantes na súa maioría de Cee, Vimianzo e Carnota. Dende a súa creación teñen viaxado por numerosos lugares ensinando a calidade do seu conxunto vogal. Agora deciden sacar o seu primeiro disco Amencer na Costa da Morte que reúne cancións sacras e laicas, galegas e internacionais, solemnes e divertidas. Para coñecer o disco falamos con Isidro Caamaño, director da Coral dende a súa fundación.

Unha das actuacións da Coral Neria en Vimianzo. /Foto: Marta Rey/

Por que decidistes gravar un disco?

Decidimos gravar o disco porque entendín que era o momento apropiado, porque a coral medrou en calidade. E como a Deputación da Coruña e a Fundación Paideia Galiza nos axudaran a facer esa gravación, pois puido saír a luz.

Que podemos atopar neste disco? Que estilos elixistes?

No disco hai cancións de moitos autores nacionais, rexionais e estranxeiros. Podemos atopar un Ave María de Caccini, un Panis Angelicus de Cesar Franck, A vella chalana de Torrado, Don Gil de Alcalá de Penella…  Considero que é un traballo moi bo, polo que teño que agradecerlle o traballo de todos os coralistas e do noso pianista Miguel Blanco e á solista Genma Román, que é unha soprano extraordinaria.

O disco leva o nome “Amencer na Costa da Morte”, quizais porque na coral non hai un sentimento de pertenza a un só concello, senón que os cantantes son de diversos lugares.

Exactamente. Esta coral fundámola no 2008, a verdade é que aínda é moi noviña, só ten uns cinco anos. Os coralistas veñen de moitos sitios. Veñen de Vimianzo, de Carnota, da Ameixenda, de Cee. Hai xente que até ben dende Arou ou dende Lira. Nós temos dous días de ensaio e facémolos en Cee. Polo tanto o esforzo que están a facer estes coralistas é enorme e tremendo. Ademais póñenlle moitas ganas, teño que agradecerlles a súa forza, que me sorprende. Por exemplo, fomos a un certame de Corais en Xixón e o éxito foi espectacular. Saíronnos actuacións en Portugal, en Llangréu… E isto prodúcese en base ao traballo que está facendo esta xente, que é digno de agradecer e de aplaudir.

http://www.youtube.com/watch?v=nUG-dqPLANc

Vese que hai moito interese dos participantes. Aumentou o número de integrantes da coral ou baixou co paso neste momento?

Máis ou menos  somos 40 persoas. Na nosa coral aumentou. Despois dos ensaios e de traballar con eles  -porque non só se ensaian unhas determinadas cancións, pois tamén Genma lles fai exercicios de vocalización e respiración-, isto realmente tenlles que gustar. Porque moitas veces é aburrido ter que estar repetindo temas e compases, catro ou cinco veces. Por iso teñen que ter ganas e gusto por compartir horas entre todos os coralistas.

Hai interese das xeracións máis novas por manter as corais? Tedes algún compoñente novo no grupo?

Temos dúas rapazas novas, unha delas acaba de cumprir 20 anos, é de Carnota, Ariadna. Unha nena encantadora que comezou na coral cando tiña 14 anos e segue con nós. Son persoas que se van incorporando pouco a pouco. No momento en que ven a calidade da coral é cando se animan a participar.

http://www.youtube.com/watch?v=8ec6Hj3Br20

Na vosa coral vexo que hai bastantes homes, aínda que seguen sendo a minoría. Moitas veces cantar nunha coral é considerado algo de mulleres. Na Coral Neria non se cumpre este tópico?

Non, unha coral é un conxunto de homes e de mulleres que se xuntan para cantar. En canto ao nosos homes, a corda de baixos e de tenores está ben en número e en calidade. Somos 15 homes, o cal está ben.

“Quería facer algún traballo conxuntamente coa Banda de Música de Cee.”

Falabas dalgunhas das actuacións previstas da Coral Neria, pero que máis proxectos tedes?

Agora temos algunhas actividades pendentes ata o mes de setembro. E despois temos algo previsto, porque eu quería facer algún traballo conxuntamente coa Banda de Cee. Falarei con Fernando para ver se conseguimos gravar algo coa Banda. Niso estamos, en seguir medrando, seguir traballando para que a nosa Coral sexa respectada non só en toda a Costa da Morte, senón en toda Galicia.

Tamén che pode interesar:

- “O noso repertorio é diferente porque pensamos que a xente está cansada de oír o típico” Antonio Díaz, da Coral Xan Mella.

Comentarios
2 Respostas a ““Era o momento axeitado para sacar o disco, porque a coral medrou en calidade”. Isidro Caamaño, da Coral Neria”
  1. António Rodrigues di:

    Boa tarde:
    Sou diretor de um coro de Viseu Portugal e precisava de contactar o Coral Polifónica Neria Costa da Morte ou o seu maestro Isidro.
    Podem enviar-me o contacto (mail ou telefone) ?
    Cumprimentos
    António Mário Rodrigues
    Grupo Coral de Abraveses

    • Bo dia:
      Peço imensas desculpas, não vimos este mail até hoje. Se aínda estiver interessado no contacto de Isidro, pode deixar-me um mail para enviar-lhe o seu telefone.
      Desculpe de novo,
      Cumprimentos

Deixar un comentario