Un faro de cultura na Costa da Morte

Xa temos falado algunha vez do desaproveitamento das fermosas infraestruturas fareiras que temos na Costa da Morte como espazos para a cultura, e ao mesmo tempo tamén das dificultades que existen para que iso poida pasar actualmente. Excepto Fisterra, que conta cun punto de información turística no lugar, o Faro Vilán é o único faro habitado pola cultura. A Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas vén realizando un interesante labor para poder manter continuamente exposicións no interior da casa do fareiro, alén do espazo expositivo que xa existe que é o Centro de Interpretación dos Naufraxios, Faros e Sinais Marítimos.

Nestes momentos, por exemplo, pode visitarse a Exposición de Artes Plásticas de Clara Ares até o 21 deste mes. En lugar de ter festa inaugural, a exposición terá unha xornada especial na súa clausura, o día 21, coa actuación do grupo Batmacumba (Iago Mouriño e Fernando Lamas) ás 7 da tarde.

Pero ademais das exposicións, a asociación argallou unha curiosa proposta para o día 22 deste mes. Dende as 11 da mañá ata as 7 da tarde os participantes no I Certame de Pintura ao Aire Libre colocarán os seus lenzos en branco nos arredores do Vilán e alí soltarán a súa imaxinación, deixando que as musas camariñás os inspiren.

Os concursantes poderán gañar ata 500 euros, no primeiro premio, ademais de varios lotes de produtos con selo camariñán (conservas, aloxamento na vila, visitas ao museo do Encaixe…) Hai tres premios principais, e tamén haberá dous cadros elixidos polo público. Durante o tempo que permanecerán expostas as obras no Faro, os visitantes poderán votar polo que máis lles guste (fóra dos xa gañadores) para darlles outra oportunidade.

O Faro Vilán será o modelo. /Foto: Manuel Rial/

Como asegura Olga Campos, presidenta da Asociación de Empresarios e de Promoción Turística de Camariñas, a intención desta xornada “é promover e achegar a arte e a cultura aos visitantes e dinamizar a oferta turística de Camariñas e da Costa da Morte”. Ademais, que mellor lugar para inspirarse que o Cabo Vilán?

Tamén che pode interesar:

- Sobre a complicada misión de abrir un faro.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario