Os amantes do surf teñen unha cita coa Pescadería fotográfica en Malpica

Cada vez máis o surf está vencellado á Costa da Morte con campionatos de surf e doutras modalidades e varios festivais. Nesta ocasión informamos doutra actividade que xorde deste deporte. Así, en Malpica, enmarcada nas actividades que terán lugar a fin de semana do 29 e 30 de xuño durante o I Festival Longboard, realizarase a 1ª Pescadería Fotográfica na vila mariñeira.

O I Festival Longboard de Malpica nace como un evento para gozar do surf e da cultura que se move ao seu redor, como longskate, música e fotografía. É neste último eido onde temos que falar da “pescadería fotográfica”, concepto que xorde ao unir a tradición pesqueira da vila coa fotografía de surf. Segundo os seus organizadores, este tipo de fotografía é cada vez máis habitual en Galicia, como se pode observar nas series de imaxes que xorden en blogs e redes sociais.

Esta actividade tratará de poñer en contacto a xente co mundo do surf, compartir experiencias entre fotógrafos máis experimentados e outros afeccionados así como tamén se organizará un mercado onde cada fotógrafo interesado terá o seu posto para vender as imaxes.

O evento conta co apoio do concello de Malpica, quen cede 23 postos do mercado municipal para os participantes así como infraestruturas e espazos para concertos e obradoiros. Desde a organización animan a participar posto que aínda quedan prazas vacantes. Para inscribirse, os interesados poden poñerse en contacto a través deste correo electrónico: otifnz@gmail.com

O evento inaugúrase o sábado 29 ás 6 da tarde, finalizando ás dez da noite. Rematará o domingo, con horario de 12 do mediodía a 6 da tarde.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario