Carteleira do 14 ao 20 de xuño

Entre as carteleiras dos multicines de Cee e Carballo contamos con 7 filmes distintos. Desde Compás ofrecémosvos unha breve sinopse para que poidas decidirte por unha.

R3sacón, ou o que é o mesmo a terceira parte da saga, dirixida por Todd Phillips. A franquicia iniciada no 2009 con Resacón en Las Vegas chega agora cun filme no que non hai despedida nin voda. A pregunta é ¿que salirá mal? A comedia desta vez pinta ser menos obscena.

Fast and Furious 6 (A todo gas 6), dirixida por Justin Lin, é a enésima secuela desta saga de acción. Dom (Vin Diesel) e Brian (Paul Walker) están en paradoiro descoñecido despois de destruír un imperio mafioso. Nesta entrega terán que enfrontarse a unha banda de mercenarios como única forma de poder volver á casa.

El gran Gatsby, de Baz Luhrmann, é unha adaptación da novela homónima de F. Scott Fitzgerald. Este drama histórico lévanos aos felices anos 20, onde a alta sociedade de New York acude ás festas do misterioso Gatsby, cuxo único obxectivo é recuperar un amor de anos atrás. Leonardo DiCaprio, Tobey Maguire e Carry Mulligan protagonizan este filme, cuxo director se recreou na imaxe mentres que deixou descoidada a importancia do contido.

Objetivo: La Casa Blanca, do director Antoine Fuqua, é un thriller de acción que ten como tema o terrorismo. Un axente secreto (Gerard Butler) deixa o posto tras un accidente no que só sobrevive o Presidente. Pero cando un comando norcoreano ameaza a Casa Blanca, entrará de novo en acción. Acción constante pero cunha trama inverosímil.

Los Croods: una aventura prehistórica, codirixida por Kirk de Micco e Chris Sanders, é unha película de animación cuxas aventuras nos transportan á Prehistoria, cando un terremoto destrúe o fogar de Grug, que terá que marchar en busca doutro lugar coa súa familia. Unha sinxela mensaxe que entenderán os máis pequenos: afrontar os seus medos. Ao tempo, de seguro gozarán con este entretido filme.

Filmes en Carballo a prezo reducido, pois xa foron exhibidos meses atrás.

Las aventuras de Tadeo Jones, é unha produción española que dirixe Enrique Gato, partindo da curtametraxe gañadora dun Goya no 2004. Conta a historia dun albanel confundido con un arqueólogo famoso. Vivindo nesta confusión chega a Perú, onde coa axuda dos seus compañeiros de aventuras intentará salvar a cidade inca dos cazatesouros. Seguro que lles gusta aos máis cativos da casa.

Skyfall é a última aventura do axente 007 dirixida por Sam Mendes. A lealdade do mellor axente dos servizos secretos británicos, James Bond (Daniel Craig) cara a súa superior M (Judi Dench) verase seriamente posta a proba cando o seu pasado volva para asustala. O MI6 sofre un ataque e 007 debe localizar e destruír a ameaza que lidera o malvado Silva (Javier Bardem) para o que contará coa axuda da axente Eve (Naomie Harris). Na vixésimo terceira entrega do clásico atopamos un Bond do século XXI onde destaca a interpretación de Bardem a pesar  da súa peluca loira.

Consulta aquí todos os horarios das carteleiras de Cee e Carballo.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario