Andaina para homenaxear a un xenio

O historiador local Roberto Mouzo, afeccionado só por non ter unha carreira, sempre gardou un cariño especial polos espléndidos Penedos de Pasarela e Traba. Durante a súa vida tivo traballado moito pola difusión e protección desta paraxe, xunto co Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte. Un mapa realizado por el mesmo, poucos meses antes do seu falecemento, guía agora ó visitante polo labirinto de máxicas rochas, xunto coa obra recentemente editada polo SEMESCOM.

Sendeiristas na última andaina polos Penedos. /Foto: Manuel Rial/

O concello de Vimianzo quere render unha homenaxe ao traballo de Mouzo organizando unha ruta sendeirista polos Penedos para o 29 de xuño.  Durante o percorrido, o historiador e presidente do SEMESCOM Xosé María Lema Suárez explicará a historia da paraxe e guiará aos camiñantes polas rochas máis interesantes:

- zona da canteira e a Cachucha, onde se atopan o Barco, a Cachucha, o Cantante, a Multiforme,…entre outras;

- zona da Pedra Forcada, onde ademais do citado penedo se atopan a fermosa Dama, o Oso e a Tartaruga;

- Torre da Moa, dende onde poderemos contemplar unha fermosa vista panorámica da praia e lagoa de Traba e do resto da costa.

Esta ruta de 16 quilómetros continúa até Traba, onde se visitará a igrexa, e a praia de Soesto. Alí remata a viaxe para coller o autobus que levará os visitantes a Pasarela, punto de comezo da ruta.

Non é a primeira vez que o Concello de Vimianzo organiza unha ruta por esta singular Paisaxe Protexida, pero esta garda un sentimento especial. Ademais, colabora o Concello de Teo, co programa “Pateo” de sendeirismo. Todos os interesados  en participar, deben inscribir un correo cos seus datos a deporte@vimianzo.es. Hai que darse présa porque só hai 50 prazas, que se cubrirán en orde de inscrición. E visto o éxito das andainas de primavera e a beleza deste lugar, agárdase que se completen.

Tamén che pode interesar:

- Adeus ao Howard Carter de Vimianzo.

- A única Paisaxe Protexida da Costa da Morte por fin ten guía.

- “Facer o que aqueles que están obrigados a facelo non fan.”

- Camiño da imaxinación

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario