A Costa da Morte vive a noite do lume

“No día de san Xoán baila o sol pola mañán.”

“O día de san Xoán, as fogueiras acesas están.”

“En San Xoán pinga a sardiña no pan.”

E por fin chega unha das festas máis agardadas do almanaque para un galego: a noite do solsticio de verán, cristianizada despois para o San Xoán. Na véspera da noite do 23 hai que ir mercando as sardiñas e a broa -dieta indiscutible do día-, e tamén ir buscando as herbas coas que lavar a cara e disipar a resaca o día 24, no cal este ano podemos durmir un pouco máis xa que é festivo. Na Costa da Morte, a noite das meigas vívese con lume e sardiñas, con cachelas, cacholas, cacharolas ou laradas en todas as aldeas. Pero hai festas que destacan, e aquí as reseñamos. Boa noite!

Carballo

Como cada ano, a noite meiga celébrase na capital de Bergantiños co tradicional Concurso de Cachelas. Ata as 23:00 horas, o xurado percorrerá os barrios da vila para valorar as cachelas inscritas e dicidir a gañadora antes de que se queimen. Máis tarde, os que se acheguen á Praza do Concello poderán desfrutar da verbena a cargo da orquestra Compostela. Pero as festas en Carballo son máis que a propia noite. Antes non podes faltar ó Rockin do venres. Tamén hai verbenas todos os días, e o luns 24, concerto de El sueño de Morfeo.

Ponteceso

Os pontecesáns celebran a noite máis máxica do ano cunha sardiñada no paseo fluvial que organiza a AC Río Anllóns. Haberá lume, sardiñas, churrasco e música en vivo e directo.

Cabana

No Esto preparan as festas cunha gran sardiñada na véspera do San Xoán (23).

Laxe

A parroquia de Traba celebra a noite meiga con churrascada a partir das 8 da tarde, cachelas, e música, coa Orquestra Olympus e unha discoteca móbil.

Camariñas

A Lumarea é o nome da noite de San Xoán en Camariñas, na Area da Vila. A festa comeza ás 20:00h  cunha sardiñada, despois toca queimar a cachela, cachola, cacharela, ou lumarea, e a bailar co Combo Dominicano e cunha Discoteca Móbil.

Vimianzo

A parroquia de Carantoña é a máis madrugadora. Na noite do venres bailarán na verbena ao son das orquestras Aramio e Capitol.

Na mañá do 24 lávase a cara coa auga das herbas de San Xoán. /Foto: http://xmnicol.blogaliza.org//

Cee

Na parroquia de Gures, baixo outro santo, celebran a mesma festa, con sardiñas incluídas. Aínda que hai festa todos os días da fin de semana, o punto forte será o sábado cunha festa brasileira.

Dumbría

Dobre cita festeira no domingo. Na praia do Ézaro prenderase a Larada 2013 baixo a Casa de Pedra. A partir das 8 para cear haberá sardiñas e paella de marisco, que se poderá baixar coa música dos dj Demian Mcnamara e Rubén Martínez.

En Olveira celebran ó patrón con sardiñas, churrasco e música, da man da orquestra Versalles e a discoteca móbil CDC.

Fisterra

En Fisterra adiántanse ó San Xoán. Na praia de Langosteira, na tarde do sábado haberá xogos populares, e a partir das 10 animación de rúa, cunha discoteca móbil para rematar a madrugada. Xa na propia véspera, o 23,  celebra haberá noite de verbena con Los Príncipes e Vendaval. Non faltará a churrascada e sardiñada no Sardiñeiro.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario