“Se hai algunha posibilidade de que apareza o medallón será divulgando a súa historia” Mario Maceiras, da A. Monte Pindo Parque Natural

A historia do Medallón das Sete Pitas ten moito de lenda, pero tamén de realidade. Esta marabillosa peza, que fora atopada perto da fervenza do Xallas, perdeuse durante a Guerra Civil. Case un século despois volvemos ter noticias delas grazas á Asociación Monte Pindo Parque Natural, que vén de crear unha perfecta copia da mesma para poder estudala e encadrala no seu contexto histórico, algo nada doado, como nos explica o secretario da asociación, Mario Maceiras.

Réplica do medallón. /Foto: MPPN/

Non se sabe moito do medallón, pero o que é certo é que viaxou abondo. Cando se lle perde a pista a esta peza arqueolóxica?

Este medallón foi atopado no monte Pindo, durante unha escavación da que pouco sabemos, por unha persoa da zona que llo regalou ao daquela secretario do concello de Corcubión, Pedro Blanco, a mediados do século XVIII. Este á súa vez doouno a un famoso coleccionista de arte da época, chamado Antonio Ortiz. Ao falecer, a súa viúva e o concello da Coruña decidiron que pasara a formar parte do patrimonio público, e por unha xestión descoidada destes fondos rematou en Madrid no Museo Militar, un edificio que resultou bastante danado durante a Guerra Civil. Polo tanto, considérase que neste punto da historia é cando se lle perde a pista definitivamente ata agora a esta peza. Algo que nos nega a posibilidade de datalo cronoloxicamente, coñecelo máis e saber de que mans puido proceder. Por iso este traballo que realizamos agora intenta iluminar a historia do medallón.

Non se sabe nin de que época é o medallón?

Non, ese é un labor que deberían realizar os especialistas. Seguramente puideran estimar con bastante precisión, simplemente á vista do motivo que decora esta peza, de que época pode proceder. Temos varias teorías, pero non seremos nós quen se aventure sen máis datos a precisar a súa cronoloxía.

“Xa estaba cruzando a barreira do que é a lenda e do que non, porque hai case un século que ninguén puido velo.”

Como é ese medallón?

É unha peza moi fermosa e mitolóxica, case mítica. Xa estaba cruzando a barreira do que é a lenda e do que non. Porque hai case un século que ninguén puido velo, que nós coñezamos dende logo. O medallón é unha peza maciza de bronce, de 7,7cm de diámetro, con forma de rosetón e debuxa unha curiosa forma xeométrica hexagonal. Cada un dos espazos xerados polo motivo xeométrico está ocupado por un total de sete galiñas ou pitas, por iso se lle chama o “Medallón das Sete Pitas”.

Sábese que significado poderían ter esas pitas?

Barallamos varias hipóteses. Unha das que máis forza cobra é a de que se trata dunha representación simbólica da constelación das Pléiades, que na Antigüidade guiaba á navegación. Hai outra versión que relaciona este motivo xeométrico coa lenda da galiña de ouro seguida polos seus pitiños que se aparece  e desaparece no entorno de acuíferos, de regos ou ríos, presaxiando diferentes acontecementos, ou mesmo sendo sinal de riqueza. Para nós calquera destas hipóteses contribúe a enriquecer a historia deste medallón, polo que convidamos tamén a quen teña algunha lectura posible sobre esta peza que nolo diga para poder seguir recompilando información e datos.

Deseño do medallón en “Antigüedades de Galicia” de Ramón Barros Silvelo (1875)

Dende a Asociación do Monte Pindo Parque Natural, por que decidistes crear esta réplica?

Porque non é unha historia moi coñecida. Polo pouco que levo contado parece máis un guión cinematográfico que a historia dunha peciña arqueolóxica que apareceu enterrada nun monte perdido. Quixemos compartir con toda a sociedade esta historia, incluso ó nivel de que calquera se poida facer cunha reprodución ou ver a copia orixinal, que intenta achegarse ó máximo posible a como puido ser. Tivemos que facer unha intensa labor de documentación e facer moitos deseños, intentando reproducir un pequeno debuxo que se conserva do ano 1875, publicado en Antigüedades de Galicia de Ramón Barros Silvelo. Malia a pouco pista gráfica que temos, todo este traballo permitiunos chegar a unha conclusión e unha peza que seguramente ten moito que ver co orixinal. Así o poñemos a disposición da sociedade e de quen desexe incorporalo ao seu patrimonio.

Escollestes a un artesán, Pablo Leal, para que fabricase a peza e colocara o selo de Artesanía de Galicia.

Pois si. A idea orixinal era facer unha soa copia para expoñer no noso local e amosala a quen quixera vela. Quixemos que un artesán profesional se fixera cargo deste traballo, xa que a reprodución dunha peza desta categoría non é fácil, non a pode facer calquera. Xurdiu o nome de Pablo Leal, que é un artesán galego afincado en Teo que se dedica exclusivamente ao traballo do metal, como cobre, bronce ou prata. En canto viu a peza amosouse encantado coa idea de colaborar, non só co seu traballo e a súa experiencia, senón que tamén axudando a investigar un pouco máis a nosa historia.

“Quen queira unha copia pode facer unha reserva a través de Internet”

Tedes previsto facer máis pezas para poñer á venda, xa houbo moitos interesados?

Previsto, evidentemente, non o tiñamos. A idea orixinal era facer unha soa, pero en canto anunciamos este traballo, incluso antes de presentalo xa, houbo moitísima xente que se puxo en contacto con nós dicindo que lles encantaría dispor dunha reprodución. Isto obrigounos a aprazar a presentación do proxecto, e tivemos que encargar a Madrid un molde de aceiro para poder reproducir as pezas para aqueles que nolo pediran que de momento xa son bastantes. Abrimos a posibilidade de quen queira unha copia, aínda que non teña contacto directo coa asociación, pois poida facer reserva desta peza a través de Internet, na nosa páxina web,  e por un prezo de coste poder dispoñer desta peza.

Agora a zona vaise encher de cazadores de tesouros, buscando a ver se atopan algún medallón máis…

Pois mira, de feito cremos que se hai algunha esperanza de atopar o medallón orixinal, pois desapareceu nos restos dun bombardeo, e vai ti saber onde pode estar, se é que sigo existindo; pero evidentemente se algunha posibilidade temos de que a peza orixinal volva á luz pois será dando a coñecer a súa historia e que hai xente que a está buscando e divulgando a súa lenda. E que non ten un valor só material ou decorativo, senón que ten un valor histórico tremendo para todos os amantes do monte Pindo e da cultura galega en xeral.

Tamén che pode interesar:

-“Cando marchaba para casa mirei de reollo e vin o petróglifo” Esteban Sestaio.

-“O patrimonio debe ser un negocio para todos, pero de xeito transparente”. Manuel Gago.

- Os canteiros desvelan as incógnitas dos cruceiros.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario