Trinta anos do mellor folk na Carballeira de Zas

Un ano máis volve o festival musical decano da Costa da Morte: a Festa da Carballeira. Nesta triséxima edición, como xa ocorrera nestes últimos anos, a troula empezará o venres. As vésperas organizadas polo Concello de Zas contarán coa actuación de tres grupos de música tradicional: dous galegos, Saldos Negativos e Tátara Trío, e un de Costa Rica, Peregrino Gris. As actuacións serán de balde a carón do Centro Sociocultural.

Como cada primeiro sábado do mes de agosto, a Carballeira de Velar encheráse de amantes de folk  para gozar dunha noite inolvidable. Ao escenario disposto no campo ao pé do río subirán á tardiña o grupo da Asociación Castro-Medra e a banda de gaitas Estivada de Calo. A continuación, como transición cara o festival nocturno, Os Viqueiras de Ordes levarán a súa música por toda a carballeira, ao xeito dos tradicionais gaiteiros das tabernas, sen subiren ao palco.

Xa no escenario principal, coñeceremos ao aclamado acordeonista Xabi Aburruzaga, considerado por moitos o futuro da música vasca. Así mesmo, Berrogüetto volven á Carballeira despois de moitos anos coa voz de Xabier Díaz. O punto internacional poñerao este ano Rua Macmillan, violinista escocés que ano pasado triunfou no Festival de Ortigueira. Para rematar a noite chegan os excéntricos Lurte dende Aragón. A súa estética circense contrasta co uso de instrumentos medievais para interpretar folk duro.

Coma o ano pasado o acceso ao festival costa 7 euros e dá dereito a un CD que contén dous temas de cada un dos grupos que actúan, co obxectivo de que o espírito da Carballeira fique connosco todo o ano.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario