“A Costa da Morte foi sempre para min un espazo máis imaxinario que real” Lois Patiño, autor de Costa da Morte

Actualizado 17.08.2013

A pesar da súa xuventude Lois Patiño xa é dos referentes do chamado Novo Cinema Galego. Despois de triunfar arredor de festivais e museos de todo o mundo coas súas curtas experimentais e videoinstalacións, o cineasta vigués dá o paso á longametraxe cun filme documental gravado na Costa da Morte. E non lle foi nada mal, porque acaba de levar o premio ao Mellor Director Emerxente no 66º festival de Locarno. A obra é un retrato da zona dende un nivel paisaxístico e etnográfico que afonda no imaxinario colectivo centrándose na relación entre a paisaxe e os seus habitantes.

Lois Patiño no recente S8, Mostra de cinema periférico da Coruña /s8cinema.com/

Con motivo da próxima estrea de Costa da Morte  Lois Patiño falou co Compás.

En que fase da produción se atopa o teu filme?
A película está practicamente rematada. Toda a montaxe da imaxe está xa pechada, o filme terá 82 minutos, e estamos nestes días rematando todo o deseño de son.

Ao facer a película eras consciente do significado de final de viaxe que a Costa da Morte ten para moita xente? Cal era a túa motivación?

Pola súa situación xeográfica e por todo o imaxinario asociado con esta zona, con Fisterra como punto destacado, a idea de fin de viaxe, de lugar onde se pon o sol e remata a terra, está moi presente en toda a rexión. Tingue toda a súa atmosfera dunha sensación crepuscular. Este é un dos temas que máis me interesaron do lugar.

Por que escolliches a Costa da Morte? Que ligazón tes con esta zona?

Nacín en Vigo pero medrei en Madrid e a Costa da Morte foi sempre para min un espazo máis imaxinario que real, construído a base de frases, anécdotas ou noticias que me ían chegando de forma casual.

Os naufraxios producen sempre gran fascinación: entre o terrible da traxedia e a excitación do perigo da natureza. O seu historial de naufraxios, o dramatismo asociado a este mar foi un dos temas aos que me quería aproximar neste filme. Para min a Costa da Morte foi un lugar imaxinario antes que un espazo físico. A primeira vez que vin, que eu recorde, foi cos meus pais para asistir ao enterro de Man de Camelle, pero para aquel entón eu xa a construíra na miña cabeza unha morea de veces.

Se tiveses que resumir o teu documental nunha frase 

Escollerei a cita que aparece ao inicio da película e que serve de síntese conceptual do traballo: “Nun entrar do home na paisaxe e da paisaxe no home, creouse a vida eterna de Galiza”  de Castelao.

Que foi o que máis che interesou da Costa da Morte? Que lugar dos que filmastes che gustou máis?

É moi difícil decidirse, a Costa da Morte está chea de lugares cunha enerxía especial. Toda a zona arredor do Cemiterio dos Ingleses, entre cabo Vilán e Camelle, por exemplo, é un lugar fantástico. A película céntrase moito nos momentos de traballo no entorno natural, neste sentido foi moi sorprendente para min descubrir, aínda de noite, antes de que amencera, a 50 ou 60 mariscadoras metidas na auga ata a cintura e con lanternas na cabeza, buscando ameixas en Xaviña, preto de Camariñas.

 Cando tes prevista a estrea do filme? Exhibirase na Costa da Morte?

A estrea realizarase dentro de pouco nun festival europeo. Agardo que se poida amosar  en varios lugares da Costa da Morte, sería fantástico, pero non hai nada falado.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario