“Este é un libro sobre o medo, amarrado a unha esperanza desesperada. Un libro de vencidos” Daniel Salgado, autor de Dos tempos sombrizos

O libro Dos tempos sombrizos do lucense Daniel Salgado é o gañador da primeira edición do Premio de Poesía Gonzalo López Abente que organiza a Fundación muxiá que leva este nome. O xurado decidiuno así polo seu claro compromiso anticapitalista e social e pola rica  intertextualidade da obra tanto coa poesía como coa música contemporáneas, e de maneira especial co jazz.

Salgado (Monterroso, 1981), licenciado en Ciencias da Comunicación e doutorado en Filoloxía Galega, traballa como xornalista mais tamén é poeta e músico. Publicou os libros de poemas Sucede (2004), Días no imperio (2004), Éxodo (2006), Os poemas de como se rompe todo (2007), Ascensión (2010, en colaboración co deseñador Xosé Carlos Hidalgo) e Ruído de fondo (2012). Traduciu a Allen Gisberg –Ouveo e outros poemas-  e a Adrienne Rich ao galego, e a Lois Pereiro ao castelán, a quen tamén antologou. Colabora no Xornal da Central Unitaria de Traballadores (CUT), na Trabe de Ouro e en Protexta. No ámbito musical, forma parte do grupo de música electrónica Das Kapital.

Gañador da primeira edición deste certame. Esperabas o galardón?

Decidín presentarme ao premio porque, dende o meu punto de vista –que é o punto de vista do autor, pero non é o definitivo-, este libro supuña unha ruptura co que viña escribindo con anterioridade. Quería saber se funcionaba alén das poucas persoas achegadas que leran os poemas, porque estes están ateigados de referencias íntimas e persoais. Pensei que un premio como o López Abente podía axudarme a obxectivar a validez, ou non, da obra.

De que xeito resumirías a obra?

É un libro sobre o medo, escrito nunha lingua acosada, amarrado a, como dicía Walter Benjamin, unha esperanza desesperada. Un libro de vencidos.

Xornalista e poeta. Como te definirías en cada ámbito?

Uf. Vendo a miña forza de traballo como xornalista e escribo poemas. Creo que antes que esencia somos circunstancia, así que me resultaría complicado definirme como “poeta” ou como “xornalista”.

“As marxes soen estar inzadas de vida e é onde se organiza a resistencia”.

Adoitamos referirnos á poesía coma un xénero minoritario.  Cal debera ser, para ti, o seu papel na sociedade?

Supoño que o poema debe procurar efectos de intensificación de conciencia en quen o le. A partir de aí, é sobre todo a incerteza o terreo en que se move o poema. E dado que poema e mercadoría non adoitan levarse ben, o papel do poema –da poesía, se prefire- nunha sociedade rexida pola ética mercantil é máis ben marxinal. Pero as marxes soen estar inzadas de vida e é onde se organiza a resistencia.

Tempos de crise. A poesía é unha boa inversión?

A poesía resiste as augas xeadas do cálculo egoísta, que dicía o Marx. Prefire o reino da liberdade ao reino da necesidade. Non acepta o modo de produción que impón a barbarie como paisaxe xeral da época. A poesía, ao cabo, é incalculábel e, polo tanto, non se pode someter ao réxime do investimento. Ou polo menos isto é o que a min me parece que debe ser a poesía.

.

.

O acto de entrega do premio terá lugar mañá sábado dentro dun programa de actos destinados a conmemorar os 50 anos da morte de Gonzalo López Abente.

Ás 8 menos cuarto, realizarase unha ofrenda floral na súa tumba no cemiterio. Ás 8 e media, xa no Salón de Actos do Voluntariado, Xosé Luís Méndez Ferrín abrirá o acto cunha conferencia e deseguido presentarase a Obra Poética completa de Gonzalo López Abente, editado por Espiral Maior, e preparado por Miro Villar.

Alí se entregará o I Premio de Poesía Gonzalo López Abente a Daniel Salgado por Dos tempos sombrizos (Diario).

Para rematar, as Pandeireteiras de Muxía e a Coral Polifónica Virxe da Barca cantarán, dando fin á homenaxe.

Tamén che pode interesar:

“Breizh é un diálogo entre as fisterras atlánticas” Miro Villar

O soneto musicado de Miro Villar.

– “Unha edición rigorosa, agradable e necesaria” de A narrativa mariña de López Abente, por Rosalía Fernández Rial

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario