A Mostra da Olería de Buño cumpre 30 anos

A localidade malpicá de Buño xa está preparándose para a Mostra da Olería. Este ano celebra a súa 30ª edición a partir do vindeiro venres 2 de agosto, cando terá lugar o acto inaugural dunha programación chea de actividades, que rematarán o domingo 11.

A XXX Mostra da Olería conta con actividades permanentes que terán lugar na Casa do Oleiro (A Camposa, Buño). Os visitantes poderán visitar as exposicións Os nosos oleiros (planta baixa) e Oleiros de Buño (1º andar).  Tamén neste andar estarán expostos os cartaces de todos os anos da Mostra, a exposición de pintura De colores de Pilar Pastoriza e a exposición de pintura ao óleo da Asociación de Amas de casa de Malpica e a Aula de pintura de Corme. Os horarios de visita son de 11 da mañá a 2 do mediodía e de 5 a 9 pola tarde. Ademais, colocaranse na carpa os stands de venda e un oleiro fará exhibicións no torno de 12 a 2 do mediodía e de 6 da tarde ata as 9 da noite. Para os nenos terá lugar todos os días un obradoiro de barro desde as 5 ata as 8 da tarde. Tamén se poderá desfrutar cada día, a partir das 7 da tarde, de música e danza tradicional, animación e novo circo.

Por outra parte, o Ecomuseo Forno do Forte está aberto de forma permanente para ser visitado en horario de 11 a 2 da tarde e de 5 a 9 da noite. Precisamente no Forno do Forte ten lugar un dos feitos máis esperados. O sábado 3 cárgase o forno tradicional para cocer as pezas, ao mediodía préndese o lume e é no día seguinte cando se descarga. No mesmo sábado celébrase alí a Festa da Carroa, un lugar de encontro entre veciños e achegados, que nesta ocasión gozarán coa actuación de Fol de Veneno.

A xornada de clausura da XXX Mostra da Olería é o domingo 11 de agosto, despois de dez días nos que poderán descubrir as tradicións, novidades e produtos deste antigo oficio da localidade bergantiñá.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario