Tradición e modernidade na XXX Carballeira de Zas

Un ano máis a primeira fin de semana de agosto Zas énchese de folk por conta do festival decano da Costa da Morte: a Festa da Carballeira, que este ano se estira para comezar o venres. A continuación repasamos os grupos que actuarán os dous días:

VENRES
Saldos Negativos
Este grupo nace do empeño de dous intérpretes de música folk: Abraham Fernández e Fernando Barroso, amantes das diferentes músicas tradicionais dos países atlánticos como Irlanda, Galicia, Escocia, Bretaña ou Gales. Nas súas interpretacións non faltan os instrumentos tradicionais de vento e corda, como o bouzouki.

Peregrino Gris
A banda costarricense viaxa por segunda vez fóra do seu país para presentar a súa fusión de música celta e folk, na que interpretan tanto temas orixinais coma outros tradicionais da música irlandesa ou escocesa. A súa actuación en Zas enmárcase na xira galega, que conta con dez concertos nos que presentarán o seu terceiro disco Antes de la lluvia. Cabe resaltar que foron os propios membros do grupo os que expresaron o seu desexo de acudir á Carballeira de Zas, sabedores da fama do festival no mundo folk.

Tarará Trío
SÁBADO
O día grande da Carballeira a troula comezará a partir das seis da tarde no escenario pequeno do campo cos grupos da A.C. Castro-Meda de Zas e a banda de gaitas Estivada de Calo. A continuación, como transición cara os concertos nocturnos, os Viqueiras de Ordes levarán a súa música por toda a carballeira, ao xeito dos tradicionais gaiteiros de taberna. Xa no escenario principal gozaremos coa actuación de catro grupos.

Xabi Aburruzaga
O músico de Portugalete presenta en Zas o seu último disco Denboraren naufrago (náufrago do tempo). Neste traballo amosa composicións propias que renovan o son da trikitixa, o tradicional acordeón vasco, xuntándoo con instrumentos tradicionais e outros máis estándar. Considerado por moitos o futuro da música vasca agardamos que non defraude na Carballeira, feudo dos artistas euskaldúns.

Berrogüetto
Un dos grupos máis internacionais do panorama galego volve á Carballeira, onde xa actuaran a medidos dos 90, cun repertorio totalmente diferente. A súa música ten cabida en calquera escenario do mundo grazas á mestura da paixón pola tradición coa experimentación coa música de raíz. Así, van sempre un paso máis alá, investigando con novos sons e instrumentos en cada un dos seus discos. No último, Kosmogonías (2010) incorporan a voz de Xabier Díaz e a nickelharpa, un instrumento do folclore sueco.

Rua Macmillan
Macmillan é graduado pola prestixiosa Real Academia Escocesa de Música e Drama da que leva anos xurdindo unha nova xeración de intérpretes da escena celta. Foi recoñecido no 2009 como “Novo músico tradicional escocés do ano” pola BBC Radio. Tras xiras por toda Europa e Norteamérica, o violinista chega a Zas co seu álbum debut Tyro (2010). Considerado por moitos a maior promesa da música tradicional escocesa acompáñase no escenario doutros dous valores emerxentes como son Tia Files á guitarra e Adam Brown ao bodhran.

Lurte
Definen o seu estilo como folk bastardo, xa que recolle influencias de estilos tan diversos como o heavy e o punk. A súa música baséase no uso de instrumentos tradicionais aragoneses de vento como a gaita de boto ou a dulzaina, acompañados por unha potente percusión. A forza de Lurte sobre o escenario evoca as batallas dos almogávares, exército de mercenarios ao servizo do rei de Aragón nos séculos XI e XIV. Deste xeito, a estética ten gran importancia na súa posta en escena, onde aparecen pintados e vestidos con peles.

Os concertos do venres teñen lugar na carpa situada a carón do Centro Sociocultural e son de balde. O acceso á Carballeira o sábado custa 7 euros e dá dereito a un cedé conmemorativo do festival con dúas cancións de cada grupo.

Tamén che pode interesar:

“Cando ninguén falaba do folk, en Zas habíao”, Lupe Nieto, presidenta da A.C.Castro Meda

- O pacto cos mouros deixou boa noite para Velar

“Cando entrei na Central Folque, non me imaxinaba que tocaría cos Cempés” Antía Ameixeiras

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario