Os trinta anos da Carballeira máis solemne

Ao pasar o arco de recepción da carballeira de Velar sabes que entras nun lugar sagrado. As luces brancas e amarelas fan xogos de sombras entre os carballos e os eucaliptos dun bosque máxico que cada agosto se enche de amantes do folk. As árbores asisten como un festeiro máis agardando ao espectáculo da música atlántica.

Xabi Aburruzaga inauguraba o cartel da Carballeira 2013. /Foto: Beatriz Romero/

Os agarimosos sons do acordeón de Xabi Aburruzaga foron os encargados de abrir o programa principal da noite. Malia non partir cun gran número de seguidores entre o público, que aínda mantiña grandes baleiros desa hora, o vasco logo conseguiu o cariño dos folkies coa súa tenrura, que contrasta cos estereotipos euskeras.

Gran calidade pero pouca festa na actuación de Berrogüetto. /Foto: Brais Romero/

A noite sabía a aniversario. A festa da Carballeira cumpría trinta anos e quizais por iso a solemnidade foi a protagonista da noite. Coma no caso de Berrogüetto, que xa non eran novos no festival. De feito, un dos compoñentes namorou dunha moza na festa e tivo xa dous fillos con ela e Xabier Díaz, aínda que si era a primeira vez que subía ao escenario, xa era un seareiro habitual da festa entre o público. Ademais fora mestre en Zas durante varios anos. Agora, con novo cantante, Berrogüetto poñíase de fronte ao anfiteatro natural para amosar a profesionalidade que os caracteriza despois de tantos anos de concertos. Pero a Carballeira pide algo distinto. Non quito mérito á gran actuación do grupo galego, pero ademais de breve deixou un estrano sabor de boca, xa que como ben lembra a presidenta da organización do festival, Lupe Nieto, na Carballeira é requisito indispensable tocar música para bailar, saltar e divertirse. O repertorio tocado en Zas gozaríase máis sentados nun auditorio, ou mesmo no propio bosque, mais non de pé cunha cervexa na man agardando o momento de botar a bailar unha muiñeira.

Xabier Díaz por primeira vez no escenario de Zas. /Foto: Brais Romero/

Co mesmo ton chegou o escocés Rua McMillan, aínda que segundo foi avanzando a noite, os sons das cordas do seu violín incitaban á festa celta. Sobre todo no pletórico momento no que o acordeonista Xabi Aburruzaga volveu de novo ao escenario e tocaron xuntos varios temas, un deles o xa mítico Bok Espok, feito famoso por Kepa Junkera.

A gran sorpresa da noite veu da man dun grupo de salvaxes guerreiros chegados do reino de Aragón: Lurte. No momento en que moitos dos asistentes pensaban xa nunha retirada, este grupo con aires de feira do medievo amarraron ao público co seu ritmo, fogos de artificio e cantos de loita. Era imposible non saltar e bailar o seu folk bastardo, con influencias do heavy e do punk. Malia parecer nun principio os máis afastados á idea do festival, realmente cumpriron cos obxectivos da festa. Foi moi interesante oír como soan instrumentos tradicionais aragoneses de vento como a gaita de boto ou a dulzaina, acompañados por unha potente percusión marcial.

O lume e a música medieval de Lurte crearon a apoteose final. /Foto: Brais Romero/

E cos últimos golpes de tambor, os césares de Velar, coas súas coroas de follas de carballo, hedras e castiñeiros, foron marchando para as súas tendas de campaña deitarse coa música aínda soando na cabeza. (Realmente isto pode soar moi poético, pero é literal. A falta de respecto na zona campista é algo habitual, pero este ano marcou límites insospeitados. Uns altavoces no medio e medio da zona vomitando música a todo volume  impediron durmir a quen o precisaba).

A carballeira de Zas acadou un número de asistentes semellante ao do ano pasado. /Foto: Brais Romero/

Así remataban as tres décadas de música en Velar. Trinta anos non son ningunha broma e poder seguir mantendo un cartel desta calidade ten moito mérito. Recoñecemento que vai para a Asociación Castro Meda e todos os organismos que fan posible esta festa, que fai internacional unha pequena vila de pequeno nome.

Tamén che pode interesar:

- Tradición e modernidade na XXX Carballeira de Zas

- “Cando ninguén falaba do folk, en Zas habíao”, Lupe Nieto, presidenta da A.C.Castro Meda

- O pacto cos mouros deixou boa noite para Velar

Comentarios
Unha resposta a “Os trinta anos da Carballeira máis solemne”
  1. Alberto Ferreiro di:

    Fantastica a noite da Carballeira…
    Concordo ca cronica en que a festa empezou fria, mais non estou dacordo con que os Berrogüetto ofreceron pouca festa. Tampouco fai falta estar saltando todo o tempo. Berrogüetto ofreceu un concerto espectacular concentrando nunha actuación, un pouco escasa, eso sí, bastantes anos de traxectoria para os amantes da música do país. Impresionantes… Ruadhrich Macmillan é un fora de serie e notabase en cada tema como acadaba meter ó público no peto. O solo de bodhram do seu músico foi impresionante e xa só por eso vale a pena pagar unha entrada.
    Ainda que non discuto a necesidade de cobrar por entrar a festa, si que me parece que esa subida no prezo da entrada non lle fixo moi ben…quizais a suba de dous euros respeto as pasadas edicións lle restou xente ó evento.
    Con respecto a zona de acampada, xa sei que é dificil de arranxar, pero algo haberia que facer para evitar que esas malas almas atormenten con ruido a xente que quere descansar. Por ese motivo deixei de levar a tenda… e ben que me pesa…
    Sen máis eiiiiiii Carballeira

Deixar un comentario