“Somos uns amantes dos festivais ao aire libre e vai seguir sendo desta maneira” Adrián Varela, presidente do colectivo V de Valarés

Os amantes da natureza e da boa música teñen unha cita este sábado na praia pontecesá de Balarés. Alí celebrarase a sétima edición do con V de Valarés, festival de música independente que medra ano tras ano e que nesta ocasión conta cun sólido e cargado cartel de concertos. Deixaranse escoitar recoñecidos grupos do panorama musical español como Fuel Fandango, El Columpio Asesino ou Los Coronas e outro elenco de bandas como The Bright, Tachenko, Mvnich ou Cápsula. A novidade deste ano é a aparición de dous escenarios e a ampliación dos horarios, que inclúen sesión vermú e actividades paralelas. De todo isto e algo máis falamos con Adrián Varela, presidente do Colectivo V de Valarés.

576123_639133136102653_823492102_n

Entorno da praia pontecesá. [FOTO: Arquivo V de Valarés]

Xa non falta nada para o festival. Como van os últimos preparativos?

Levamos todo o ano traballando e agora cada un dos do grupo está centrado na súa parcela. Estamos dándoo todo para que a xente poida gozar dun espectáculo agradable en Balarés.

“Vendemos máis entradas ca nunca”

Como vai a venda de entradas?

Moi ben. Estamos moi contentos co ritmo de venda das anticipadas que levamos ata o momento, e que a verdade supera as nosas expectativas. Non nos gusta dar unha cifra concreta pero vendemos máis ca nunca.

Con esta xa van sete edicións de festival. Pensabades chegar ata aquí?

A verdade é que comezamos tendo moi claro que isto non sería algo pasaxeiro. Seguiremos pelexando para que o festival sexa unha referencia non só galega senón tamén nacional.

O ano pasado a chuvia fixo que se suspendera parte do cartel do festival. Estades preparados por se volve pasar?

Non estamos preparados. Somos uns amantes dos festivais ao aire libre e vai seguir sendo desta maneira. Cremos que o festival perde un pouquiño a súa esencia con carpa. Queremos que cando chegue aquí a xente que vén de fóra, que é un gran número de entradas, quede prendada. As predicións do tempo son boas. Pero co que si contaremos é cunha infraestrutura que protexe os equipos de son e tamén extremaremos as medidas para que, polo menos, a música non pare. Ademais do escenario principal, temos o escenario Seagram’s, que estará dentro dunha carpa. Polo tanto, haberá sitio para resgardarse porque estamos na Costa da Morte e todo pode pasar.

A festa comezará en Balarés desde o mediodía. Fixerades isto antes ou é algo novo?

Non é algo novo. Temos un espazo que creamos no 2011 que se chama VSONS, co que pretendemos que a xente que estea durante o día non teña que esperar ás oito da tarde para desfrutar da boa música. Haberá concertos en acústico desde as dúas e media da tarde con The Bright, Tachenko e os DJs.

Tamén soubemos que se habilitarán dúas zonas para os concertos. Onde se ubicará cada unha delas?

O escenario principal (o SON Estrella Galicia) xa o tiñamos en mente pero non se puido facer o ano anterior. Ubicarase nun espazo elevado onde se vai ver a ría de Corme e Laxe. A xente vai quedar moi contenta porque é sorprendente, bonito, cómodo e máis abrigado.

Fuel Fandango repite cartel como un dos pratos fortes. Sentides certa predilección por eles ou é un asunto pendente?

Si que hai certa predilección. Foi unha aposta do ano pasado e deixounos mal sabor de boca. O cartel deste ano é un desafío diferente aos festivais da zona e ademais o prezo da entrada é moi atractivo.

E falando do cartel, que teñen en común os grupos que o conforman?

A simple vista parecen moi diferentes pero solápanse bastante ben. Toca varios tipos de público e idades, que é o que pretende o festival xa que que se fora dun só estilo acabaría por aburrir.

Adrián comenta ademais que o Colectivo V de Valarés pretende vender un proxecto medioambiental para que a xente se conciencie onde está, fomentando a limpeza e o transporte colectivo. Neste sentido, “haberá un servizo ECO-VBÚS que fará viaxes a Ponteceso para que así non haxa tantos coches”, conclúe.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario