“Eu quero ser coma el” – Rosalía Fernández Rial

“Eu quero ser coma el”: soñadora, pirata, acróbata. Quero roubar botóns, parafusos e alfinetes para atanguer o misterio dos tesouros. Quero habitar tellados de lonxas vetustas e sentirme paxaro fugaz. Preciso namorar de novo, con entusiasmo infantil. Amantes: volvede ilusionarme. Non podo vivir sen voar. Quero bolboretas no bandullo!

Reivindico, con empeño militante, a miña condición de ave muxiá. Dereito inalienábel que Jesús Toba, Ana Martínez e Mari Rey instituíron este martes 13 na feira literaria de Cee. Prescindindo de retóricas ampulosas e estrados artificiais, a tríada referida asentou cátedra no núcleo vilego da Xunqueira. Tras admitir que non eran escritores, nin pintores nin músicos profesionais, abraiaron ao público con contos, debuxos e cantos en honor ao corvo Roque. Valente paradoxo!

feira libros cee

Feira dos Libros de Cee. /Foto: Beatriz Toba/

Unha das tantas contradiccións máxicas que acontecen nos contextos educativos. E é que Mari, Ana e Jesús son, respectivamente, mestras e bedel do CEIP “Virxe da Barca. Mais as funcións propias dos seus postos constitúen unha porcentaxe ínfima do labor íntegro que executan no centro. Ana, Jesús e Mari son enfermeiros, actores, cantantes, animadores culturais, monitores de tempo libre, psicólogos, cómicos, magos ou artistas. Segundo as necesidades das cativas e cativos.

E as crianzas, como os maiores, precisamos, sobre todo, alimentarnos de soños. Por iso os tres protagonistas do evento que nos atinxe contan, debuxan e cantan a historia do corvo Roque no colexio onde traballan. Pola mesma razón que decidiron compartir o personaxe alén das fronteiras muxiás; para que nenas, nenos e adultos satisfagamos a fame onírica.

Desta volta, os asistentes ao festín da capital comarcal gozamos dunha posta en escena ateigada de sorpresas. Para empezar, a escenografía estaba constituída polos obxectos dun tesouro en tamaño xigante. Erario do que partiu o relatorio sobre o corvo Roque, tanto en forma de narración literaria como en versión ilustrada. Dese xeito, mentres as profesoras explicaban as andainas do paxaro, Jesús íaas pintando. A continuación, as dúas docentes armáronse de voz e guitarra e interpretaron as –xa para algúns coñecidas- cancións da ave muxiá. Cunha colaboración de luxo no tema estrela; Nancho Novo arpexando o “canto de berce para un corviño”. Pero, ademais –e, por se fose pouco,-  os máis pequenos puideron subir á gamela de Roque, pescar zapatos do 34, seguir animadas coreografías e xogar cos botóns, parafusos e alfinetes do heroe alado.

Un heroe que existiu na vila da Barca e cuxo recordo se mostraba xa difuso para aquelas e aqueles que medramos despois dos 80. Unha historia que volve ao pobo desde o pobo mesmo. Desde Jesús e as mestras aos alumnos de infantil e primaria. Dos pequenos ás familias, a Muxía, Vilarmide e Cee. Profesionais, todos eles, da vida comunitaria, de garantir a felicidade colectiva, de construír pobo, vila e país.

Profesionais entre os que convén resaltar, máis unha vez, a Ana, Mari e Jesús. Nómina que sustenta, con admirable humildade, as letras do imaxinario local. Escribindo, nas veciñas e veciños costeiros, o desexo de converterse en ave pirata e non deixar de soñar. Quizais co fin de que algún día o litoral enteiro se erga cantando:

 

“Eu quero ser coma el,

andar con el(e) da man

e así poder presumir

de ser un corvo muxián”

 

Como entoa Arxires –habitante da vila- co seu acordeón, acompañado das nenas e nenos corviños. Notas que de seguro Roque bailará no tellado dalgunha lonxa.

Rosalía Fernández Rial

A súa vida transcorre entre Carballo e Muxía dende que naceu en 1988. Licenciada en filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela emprega a súa arma en crear literatura, sobre todo poesía, como nos seus dous libros En clave de sol (2009) e Átonos (2011). Ademais conta cun traballo conxunto con Xan Fernández Carrera,Un mar de sensacións (2012), no que desenvolve unha serie de rutas poéticas para gozar da súa terra, a Costa da Morte.

Outros artigos:

- Miradas.

- Amesmalúa.

- #prazadoslibros

- Exprés literario.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario