“Esperamos compensar a desilusión do ano pasado. Darémolo todo”, Nita de Fuel Fandango

A mestura de electro, funk, rock, pop e flamenco, creada pola cantante Nita e o produtor Ale Acosta, deixarase sentir no concerto que este dúo canario-cordobés ofrecerá mañá na praia de Balarés (Ponteceso). Centrados en descolocar ao público coa súa espectacular posta en escena e os seus axitados e contundentes directos, Fuel Fandango chegan de novo a Galicia –na súa única cita do verán aquí- para presentar o seu último traballo Trece Lunas. O con V de Valarés non é novo para a parella, que recorda con pena a experiencia pasada por auga da anterior edición. “Estamos desexando volver”, apunta Nita, con quen falamos para saber máis deste grupo que, logo de crear un selo propio na música e de 150 concertos en países de todo o mundo, converteuse xa nunha das bandas máis aclamadas do panorama musical español.

FuelENTRE

Falemos dos inicios de Fuel Fandango. Primeiro foi o amor e logo a música, non?

Si. Para nós o amor e a música son a mesma cousa.

Que adxectivo vos dariades a vós mesmos como parte deste dúo?

Eléctricos.

A vosa música é unha mestura de estilos sen prexuízos. Decantádesvos máis polo electrónico pero afirmades que escoitades de todo. Cal é o maior referente musical para Fuel Fandango?

Quizais coa banda coa que nos identificamos máis desde o principio sexa Moloko pero empregamos matices de moitos estilos que non teñen nada que ver con ela. Intentamos, pois, ter un son propio a partir da mestura de todo o que nos gusta.

“Mesturar o flamenco con outras músicas axuda a mantelo vivo e en constante evolución”

O flamenco tamén é parte indispensable nas vosas composicións. Esta é unha maneira de “romper fronteiras”?

Acompáñame desde cativa. Transportalo ao noso estilo musical é indispensable para min xa que son as miñas raíces. Ademais penso que mesturar o flamenco con outras músicas axuda a mantelo vivo e en constante evolución.

Sodes imaxe por enriba de todo. A vosa saída ao escenario é bestial: Nita co seu estilo pin up e o pelo cheo de adornos florais e Ale uniformado ás veces con camisa de estampados e rosas. Quen dos dous se encarga disto?

Encárgome eu, fíxeno desde o principio porque me encanta. Sempre quixemos ofrecer algo non só musical senón tamén visual, un espectáculo.

“Intentamos manter a igualdade inglés-español de xeito natural”

Español-inglés. Inglés-español. É fácil manter o equilibrio?

Intentamos facelo de maneira natural. O inglés é a base dos nosos temas e cando queremos sacar algo flamenco é máis fácil co español. Pensamos que mesturando os dous idiomas conseguimos novos horizontes onde crear.

En que momento compón Fuel Fandango?

En calquera, sempre hai un intre repentino de creatividade que o aproveitamos esteamos onde esteamos. Pero tamén nos gusta saír fóra da cidade para estar en tranquilidade e así inspirarnos máis.

Ata que punto involucrades as vivencias persoais nos vosos temas?

Eu escribo cousas que sinto e que preciso expresar. É lóxico que inflúan as nosas vivencias pero tamén escribimos sobre outras persoas ou historias que nos resultan interesantes.

Chegades a Balarés con novo álbum. Como foi a gravación de Trece Lunas?

Foi unha gravación dinámica. Estivemos en cidades moi diferentes como Córdoba, Tarifa, Londres ou Madrid e de todas sacamos algo que está presente no disco. Traballou moita xente connosco…foi unha experiencia marabillosa!.

Este é o voso único concerto do verán por terras galegas. Onde atopades máis seguidores, no norte ou no sur?

Levamos indo a Galicia desde os comezos e sempre estivemos coma na casa. Sentimos a mesma calor cando tocamos no sur e no norte. Iso que din que o público no norte é máis frío non sempre é así.

Festivais de verán ou concertos en sala?

Todo ten algo especial. Gústannos os festivais porque tocamos con máis bandas e o ambiente é xenial, pero nas salas os concertos son máis íntimos, o que tamén ten o seu encanto.

Xa coñecedes o Festival con V de Valarés. A do ano pasado foi unha experiencia frustrada pola chuvia. Como recibistes a nova de que volverían contar con vós para  esta edición?

Quedamos con moita pena. Eu estaba no hotel preparada para saír cando empezou a diluviar e me dixeron que non podíamos tocar. Este ano esperamos suplir o chasco e facer que todo o mundo disfrute. Darémolo todo.

Por último, a praia de Balarés é para moitos un entorno natural único e privilexiado. Compartides esta opinión?

Por suposto, un lugar precioso. É unha sorte que se faga un festival nunha praia tan tan bonita e fantástica. Estamos desexando volver!!.

Tamén che pode interesar:

-Con V de Valarés confirma parte do seu cartel.

-“Estamos preparando un concerto para o inverno cos grupos que non puideron tocar” Adrián Varela

– A chuvia foi a banda sonora protagonista en Con V de Valarés

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario