Con V de diversión, con V de Valarés

IMG_2274

A néboa non impediu que a xente estivese en Balarés gozando dos concertos durante o día. [FOTOS: Noelia Antelo]

IMG_2267

The Bright actuaron na sesión vermú.

Amencía con néboa en Balarés, co B ou co V, dá igual. A estas alturas seguimos preguntándonos cal é o correcto ou se é cuestión idiomática. A néboa fixo un pequeno amago de despexar para que o sol polo menos acompañase en boa parte dos concertos da zona Seagram’s que tiveron lugar durante o día xusto á beira do areal e así poder gozar aínda máis da xornada na praia pontecesá. Os encargados de abrir Con V de Valarés foron os leoneses The Bright co seu acústico e a doce voz de Miryam. Os primeiros en actuar teñen as súas vantaxes, pois como o propio Aníbal dixo despois poderían gozar do resto do festival e con eles o público estaba receptivo, ou dito en palabras do músico “aínda non estaban borrachos para escoitalos”. Sen dúbida, tiveron unha boa acollida entre os xa numerosos asistentes a esa sesión vermú (e paella) que comezaba ás dúas e media da tarde.

As tendas de campaña ocupaban boa parte do espazo para acampar xa a media tarde e cada vez eran máis os que se achegaban ata Balarés dando conta de que era a edición máis concorrida das ata de agora celebradas. Durante a tarde os festivaleiros puideron bailar coa música dos dj’s e tamén asistir á charla que tivo lugar sobre o papel da muller na industria musical mentres esperaban un novo acústico, o de Tachenko, cos que os seus seguidores cantaron algúns dos seus temas máis coñecidos como Mi amor, las mayorías ou Dame una pista.

IMG_2309

Tachenko ofreceu un animado concerto acústico á tardiña.

Ás 9 da noite, puntuais, comezaron a tocar Mvnich xa no escenario principal, trasladado á zona de costa situada tralo restaurante da praia. É agora cando quero facer un pequeno inciso. Persoalmente, a pesar de ser un lugar máis recollido como nos contaba Adrián Varela, un dos organizadores, era un pouco máis incómodo ca o sitio anterior. Seguindo coa música, tras o concerto dos vigueses actuaron Cápsula. Contaron con gran cantidade de público, algo que non adoita ser habitual nas bandas que abren os festivais. Moita máis xente entrou antes do comezo de Los Coronas, cando se formaron importantes ringleiras de público ante o exhaustivo rexistro para acceder ao recinto. A banda veterana de surf rock ata nos fixo viaxar aos filmes de Tarantino, bromeou constantemente coa ausencia de voz nos seus temas e demostrou que con só un concerto instrumental se pode ser capaz de animar a un público totalmente entregado.

IMG_2406

Los Coronas e o seu bailable concerto instrumental.

Desde Pamplona chegaban outros dos grandes esperados da noite. El Columpio Asesino estivo á altura do esperado polos seus seguidores e conseguiu facer saltar, e moito, a aqueles que vibran con Toro, tema que os asiduos a sesións de música independente saben que non pode faltar e menos nun ambiente de festivais. Na canción prometen facernos bailar toda a noite. E así foi.

IMG_2473

Perlas, Diamantes e Toro non faltaron no concerto de El Columpio Asesino.

Os últimos en subir ao escenario foron Fuel Fandango, que por fin actuaron en Con V de Valarés trala suspensión do seu concerto na edición pasada debido á chuvia. Prometen un potente directo cunha coidada posta en escena e non defraudan. A súa peculiar mestura de electrónica con ritmos flamencos, a enerxía de Nita e a súa interpretación en xeral supuxeron un gran broche final para os concertos. A espera desde o ano pasado ben mereceu a pena, pois ademais de temas como Talking ou Always searching tamén puidemos asistir á presentación do último disco Trece Lunas no que foi o seu único concerto deste verán en terras galegas.

IMG_2489

Rosas, flamenco e electrónica son sinónimo a Fuel Fandango.

A noite non remataba aí. Amable dj no escenario principal e Faber xunto con Sandrita Dinamita de novo no Seagram’s continuaron poñendo música a unha boa noite en Balarés para todos aqueles que decidiron acudir ao festival. O sábado a néboa mollaba algo, ás veces aparecía o orballo, que ameazaba con continuar. Porén, quedou tan só niso, un pouco orballo que non impediu gozar da edición máis exitosa do festival pontecesán.

 

Tamén che pode interesar:

- “Esperamos compensar a desilusión do ano pasado. Darémolo todo”, Nita de Fuel Fandango

“Somos uns amantes dos festivais ao aire libre e vai seguir sendo desta maneira.” Adrián Varela.

Con V de Valarés confirma parte do seu cartel.

-“Estamos preparando un concerto para o inverno cos grupos que non puideron tocar” Adrián Varela

A chuvia foi a banda sonora protagonista en Con V de Valarés

Comentarios
Unha resposta a “Con V de diversión, con V de Valarés”
  1. Puñi di:

    O noso profesor de Filosofía, Xelucho Abella, explicáranos que Valarés escríbese así porque procede da expresión `val de area´, que é como lle chamaban antes ó lugar. O de que sexa nalgúns casos ca letra `b ´ seica se debía a un erro de transcrición posterior ó recoller o nome do sitio nos arquivos oficiais. Polo que Valarés, ser, o que se di ser, é con `v´. Bueno, aí deixo esto.

    Moi boa crónica, por certo!

    Un saudiño.

Deixar un comentario