Dez razóns polas que rematar o verán na Costa da Morte

Parece que o verán xa foi aló, que as vacacións xa remataron, que toca volver ao traballo, á rutina… Nada diso! Aínda queda un mes para aproveitar esta estación, que está vindo inusualmente boa en Galicia. Así que vai cargando carburante no coche, prepara os mapas, busca aloxamento en A Coruña (http://www.trivago.es/a-coruna-provincia-335976/hotel) e escapa á fin da terra. Tes dez razóns para facelo!

1. Porque aínda quedan festivais.

SEREAS-VIERNES-107

Un dos privilexios das praias da Costa da Morte é a de acoller nos seu excepcional entorno natural as citas festivaleiras do verán. Logo do Pop Up (Carballo) e do V de Valarés (Ponteceso), a praia de Razo (Carballo) acollerá o festival Sereas e Piratas o próximo 31 de agosto. Coa deste 2013 xa van oito edicións desta cita coa música independente nacional. A aposta de grupos deste ano é maioritariamente galega aínda que tamén conta cun cabeza de cartel de relevancia nacional como é a banda ChuchoXunto con eles estarán 4 Waves, que amenizarán a sesión vermú, Holycrab, Wild Balbina, Franc3s, Músculo! e Lagartija Dj para rematar a noite.

2. Polas súas romarías.

Santuario da Virxe da Barca

Santuario da Virxe da Barca

Unhas vincúlanse á gastronomía, outras coa relixión…son moitas as romarías  que se suceden polas aldeas da Costa da Morte durante todo o periodo estival, coma a Romaría da Nosa Señora do Faro, en Brantuas (Ponteceso) o 8 de setembro. Pero sen dúbida a raíña é a romaría da Virxe da Barca en Muxía. Declarada festa de interese turístico nacional, a romaría da Barca celébrase o segundo domingo do mes de setembro, agás cando este domingo é día oito, que pasa para o seguinte. Trátase dunha antiga celebración de culto que se mantén hoxe en día e que congrega a milleiros de feligreses chegados de toda Galicia para “bailar” a Pedra de Abalar e pasar por debaixo da Pedra dos Cadrís, das que se pensa que teñen propiedades curativas.

3. Polas súas praias… aínda máis desertas.

Praia do Rostro, en Fisterra, en pleno agosto. /Foto: Roi Vila/

Praia do Rostro, en Fisterra, en pleno agosto. /Foto: Roi Vila/

Se por algo se caracteriza a Costa da Morte é pola súa variedade de praias: pequenas calas que combinan rocha e area como a das Torradas (Malpica); outras máis salvaxes e perigosas como a do Rostro (Fisterra) e a de Reira (Camariñas); areais urbanos con todas as comodidades como o de Laxe, que conta coa Q de Calidade Turística e  praias quilométricas de area branca e mar aberto coma Razo-Baldaio (Carballo), entre outras moitas. Algunhas delas contan con Bandeira Azul, isto é, o distintivo que acredita a súa calidade. Estas son as de Ribeira e Langosteira en Fisterra; a do Ézaro en Dumbría; a de Laxe e as de Razo, As Saíñas e Pedra do Sal en Carballo.

 4. Pola súa gastronomía.

 

Polbo nun restaurante vimiancés. /Foto: Cyntia R./

Polbo nun restaurante vimiancés. /Foto: Cyntia R./

A calidade dos percebes e do polbo na Costa da Morte é ben coñecida xa por todos. Os restaurantes das tres comarcas ofrecen estes e outros pratos do mar cociñados ó xeito tradicional e tamén de forma máis innovadora incorporando algas, por exemplo. Pero fóra do mar, os campos dos concellos interiores, como na Terra de Soneira, ofrecen bo pasto para os becerros e poldros. Non deixes de probar esta carne, que só á grella xa fai a boca auga.

5. Polas súas postas de sol.

Solpor en Fisterra. /Foto: Manuel Rial/

Solpor en Fisterra. /Foto: Manuel Rial/

Din que o xeneral romano Décimo Xunio Bruto Galaico, despois de conquistar as terras do noroeste da península, non quixo volver até que viu cos seus propios ollos morrer o sol no Fin da Terra. E non lle faltaba razón. O espectáculo que ofrece o sol deitándose sobre as augas do Atlántico cada luscofusco é máis abraiante na finisterrae, con todo o simbolismo que isto leva consigo. Pero non só hai que ver o solpor en Fisterra. O cabo Touriñán (Muxía), dende o 13 de agosto até o 22 de setembro, ten o privilexio de ser o lugar por onde desaparece o último raio de sol de toda a Europa continental. Explícao o científico soneirán Jorge Mira neste vídeo do proxecto Camiñando cara o mar.

6. Para vivir unha gran competición deportiva.

Joaquim "Purito" cruzaba a liña de meta no Ézaro, con Fisterra ao fondo. /Foto: Manuel Rial/

Joaquim “Purito” cruzaba a liña de meta no Ézaro, con Fisterra ao fondo. /Foto: Manuel Rial/

O Fin do Mundo será tamén lugar de peregrinación para os centos de corredores que participan na Vuelta Ciclista a España. Tralo éxito da pasada edición na subida ó miradoiro do Ézaro, este ano repite treito e ademais inclúe unha espectacular e simbólica fin de etapa no Cabo Fisterra. A competición celebrarase o martes 27 de agosto, pero se non che dá tempo a chegar podes emular a un dos teus ciclistas favoritos percorrendo os quilómetros polos que pasaron os mellores deportistas das dúas rodas.

7. Para poder visitar o seu patrimonio histórico sen risco de chuvia.

Dombate co corredor restaurado e os idoliños colocados /Foto: B. Romero/

Dombate co corredor restaurado e os idoliños colocados /Foto: B. Romero/

Na Costa da Morte podemos coñecer algunhas das antas máis importantes da Península na Ruta dos Dolmens de Vimianzo e achegándonos ao monumento megalítico de Dombate, musealizado. De petróglifos e castros temos varias mostras, pero quizais destaquen a Cibdá de Borneiro (escavada) e As Barreiras de Vimianzo (sen escavar). Do medievo, escollemos o castelo da capital soneirá, a Fortaleza de Mens (Malpica), e as igrexas románicas de Moraime, Cereixo e Leis. Xa na Idade Moderna, hai pazos ben senlleiros para visitar e castelos militares (Cee, Corcubión ou Fisterra).

8. Para descubrir a artesanía. 

Olería2013

Olería de Buño. /Foto: Noelia Antelo/

 O castelo de Vimianzo acolle durante todo o verán unha Mostra de Artesanía en vivo. Un resumo de todo o que nos podemos atopar en todo o país: encaixes, teas de liño, chapeus de palla, zocos, traballos en coiro e prata, pezas de barro e granito, cestos e maquetas. Pero ademais, podemos coñecer outros lugares ben senlleiros. En Camariñas podemos visitar o Museo do Encaixe, cunha mostra desta artesanía téxtil. Ademais, podemos achegarnos a Buño, onde se coce e modela o barro dende hai miles de anos. No Ecomuseo Forno do Forte continúan a traballar como no século pasado. Tamén podes atopar ofertas máis actuais nas tendas do lugar.

9. Para practicar sendeirismo

 

Sendeiristas en Soesto.

Sendeiristas en Soesto, Laxe. /Foto: Traski Costa da Morte/

O bo tempo é un aliciente máis para coller as botas e poñerse a camiñar polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra. Unha boa maneira de percorrer a pé a zona é o Camiño dos Faros, deseñado por Traski Costa da Morte. Dende Malpica até o Cabo Fisterra, por fin se une a Costa da Morte ó completo nunha ruta de sendeirismo duns 200 quilómetros.  E podes facelo acompañando ós creadores, que despois do éxito acadado, volven facer todo o camiño durante os sábados. O 14 de setembro realizarán a primeira etapa, de Malpica a Niñóns. Pero se queres ir por libre, hai multitude de camiños polos que andar. Terás que deseñalas ti mesmo, porque hai moi poucas rutas oficiais sinalizadas. Quizais a máis coñecida sexa a que vai de Traba a Laxe (PR-Q 114).

10. Seguro que aínda che fai falta outra razón máis?

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario