“As ganas coas que realizamos este proxecto seguen sendo as mesmas oito anos despois” Bea Fernández, organizadora do Sereas e Piratas

Os albaceteños Chucho, 0s vigueses Wild Balbina, os carballeses Franc3s e Holycrab, así como Músculo! e 4 Waves desde Vilagarcía forman o cartel da oitava edición do Festival Sereas e Piratas que se celebra en Razo (Carballo) o próximo sábado. Fieis á súa aposta polos grupos do país conseguiron sacar adiante un ano máis esta cita coa música independente. Falamos con Bea Fernández, pertencente á Asociación Rebeldía encargada de organizar o festival.

Debido ao accidente de tren do día 24 decidistes cancelar o festival que ía ser tres días despois. Como foi tomar esa decisión?

Foi unha decisión moi dura pola ilusión truncada e esforzo que conleva. As primeiras sensacións e reaccións foron moi contradictorias e confusas, pero dadas as circunstancias e vendo a evolución da xornada pensamos que era a mellor elección e estamos orgullosos de facelo así. Por outra banda, fíxose máis levadeiro gracias ó apoio e comprensión por parte dos artistas e todas aquelas persoas que se vinculan dunha ou doutra maneira á realización do festival. A todos lle damos as grazas e esperamos que ese xesto servira de reconforto a moita xente que neses días pasaron o mal trance.

Sereas e Piratas 2011. [FOTOS: cedidas pola organización]

Sereas e Piratas 2011. [FOTOS: Oti Fernández]

Finalmente foi unha suspensión e vai ter lugar o día 31 de agosto. Sabíades que o poderíades realizar ou pensastes que este ano non habería?

Nun primeiro momento non sabiamos se se ía poder celebrar noutra data, era unha posibilidade pero non estabamos seguros de poder facelo xa que detrás hai moitos factores que condicionan e que hai que ter en conta. Pero pronto reaccionamos e nos puxemos a traballar para que todo o esforzo e tódolos obstáculos que pasamos nesta edición non foran en balde. O noso festival é como un fillo para nós, fixemos da nada un evento que vimos medrar pouco a pouco e para o que poñemos moita paixón e ilusión. Asi que con isto e as facilidades que nos brindaron desde as diferentes bandas e colaboradores puidemos establecer o 31 de agosto como nova data de celebración.

Supoño que non foi doado manter o mesmo cartel, sobre todo pola banda que non é galega, como é Chucho.

É verdade, non foi doado porque hai que volver a reorganizarse, cadrar datas e dispoñibilidade das diferentes bandas. Pero como xa dixemos, todos puxeron da súa parte e facilitáronnos moito o traballo dentro das súas posibilidades.

‘Queremos seguir arriscando pola música de calidade e realizar un festival con personalidade do xeito no que o fixemos sempre’

Podemos definir esta edición como unha volta ás orixes. Ademais disto, que destacarías do Sereas e Piratas deste ano?

Poida que a madurez que estamos a acadar, e non o dicimos dun xeito pretencioso. Cremos que a experiencia do ano pasado, aínda que o concepto era o mesmo de sempre en canto a cartel e programación, nos abriu os ollos para saber quen somos e que queremos seguir facendo. Polo que a aposta absoluta polo festival de día -característica inherente ó Sereas e Piratas dende os seus inicios e que paulatinamente foi cobrando forza- é un dos valores máis importantes que temos. Desfrutar da paisaxe e a natureza de Razo polo día e gozar pola noite das diferentes bandas galegas e dun cabeza de cartel mítico a nivel estatal, que tras anos de descanso volve a enriba dos escenarios, sendo o noso concerto o único en Galicia… é unha sensación moi satisfactoria para nós. Queremos seguir arriscando pola música de calidade e realizar un festival con personalidade do xeito no que o fixemos sempre, sostible e sen o impacto medioambiental que supón un evento con pretensións multitudinarias e empresariais. As ganas e o cariño co que realizamos este proxecto seguen sendo as mesmas oito anos despois.

A insignia do festival é apostar por grupos galegos. Nesta edición aínda semella máis evidente. Como foi a produción do cartel?

Foi doado dentro do que cabe e saiu todo moi rodado. Os grupos galegos eran os que nos apetecía que estiveran, aínda que hai moitos máis que nos encantaría que nos acompañaran, por suposto! Os que forman o cartel son aqueles que desde fai tempo rondan nas nosas cabezas por diferentes motivos: tanto estilísticos como por traxectoria e impulso en cada un deles. Todos encaixan moi ben co cabeza de cartel e coa liña do festival.

Dúas bandas carballesas: uns vellos coñecidos coma Franc3s e os mozos de Holycrab. Que aportan estes grupos a parte de apostar polo local?

Como ben dis, a aposta polos grupos locais e galegos é unha das premisas fundamentais do festival. En canto a Holycrab, é unha banda con moita personalidade e cun estilo garajero moi marcado que se sinten moi identificados coa cultura do skate, deporte presente no festival de día, polo que poden sorprender moito ó público. Por outra banda, os Franc3s conteñen para nós un lazo emotivo máis estreito. Estiveron no Sereas en diferentes ocasións e sempre apostamos por eles. Ver como pouco a pouco conseguen un recoñecemento a nivel estatal é para nós un orgullo. Ademais son amigos e únenos a colaboarción entre ambos con Alberto Gende, gran amigo que realizou o deseño das súas portada de disco e os nosos carteis.

O prato forte é Chucho, que ofrecerá o único concerto en Galicia. É un atractivo para chegar a un público de toda a comunidade?

Nós non o fixemos con esa finalidade. A elección de Chucho foi porque pensamos que era unha boa coincidencia e oportunidade para desfrutar dun grupo mítico e que sempre nos gustou. Pero si que se pode ver desas maneira xa que é unha banda pouco común. Ofrecer algo diferente e único por estas terras sempre é un reclamo.

Volven aos escenarios despois de oito anos de parón. Foi algo que vos chamou a atención para contar con eles?

Por suposto foi un factor a ter en conta. Pode ser un gran concerto para recordar, único e especial.

razo puesta sol

Espectacular atardecer no arenal carballés.

Coma sempre, mantense a sesión vermú gratuíta. Nesta ocasión o grupo surf 4 Waves amenizará o mediodía. Como é gozar durante o día no festival?

O noso proxecto sempre estivo ligado ás actividades diurnas. Esa é a nosa identidade: a paixón pola música e pola nosa praia (paisaxe e surf), algo que cada vez se está poñendo máis en alza nos festivais xa que permite un maior disfrute en diferentes niveis. A sesión vermú é un evento festeiro, popular e moi divertido. Sirve coma un descanso para as actividades deportivas que se desenvolven ó longo da xornada e como un adianto de cara ao festival da noite. Ademais, é apto para todo tipo de público, factor que tamén nos gusta para que todos poidamos gozar do ambiente adecuado en cada momento.

Tamén hai actividades deportivas aínda que o campionato de surf si tivo lugar na primeira data.

Si, o campeonato de surf formaba parte dun circuito galego que contaba para a clasificatoria a nivel estatal polo que houbo que seguir adiante con el igualmente. Pero aínda que non contemos con esta proba o sábado teremos moito surf con outro campeonato e cursos gratuitos. Tamén haberá open de skate en mini-rampa, volei praia e ata unha exhibición de capoeira.

Por que non debemos faltar o sábado en Razo?

Principalmente porque vai ser unha xornada moi divertida. Nada mellor ca unha tarde-noite na praia de Razo para desfrutar da súa natureza, percorrer os seus sete quilómetros de areal e contemplar os seus atardecer e amencer. É unha boa maneira de despedir o verán.

As entradas para o Sereas e Piratas 2013 custan 5 euros en venda anticipada e 8 euros en taquilla. Os locais onde se poden mercar son A Reixa en Santiago, Portobello na Coruña, O Patacón, Belle Epoque, Sala Dublín, A Reserva, Teirón e A Fragua de Mo en Carballo, Submarino en Malpica e en A Eira en Ponteceso. Por outra banda, as entradas xa vendidas para a primeira data seguen tendo validez e aquelas persoas que non poidan ir na nova data poden devolvela xa que se lles aboa o importe.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario