Viaxes no tempo de balde no castro de Niñóns

No medio da minguante escuridade do amencer, unha nena móvese silenciosa entre os muros de pedra das casas dos seus veciños. Non quere que ninguén esperte. Ela xa non puido pegar ollo en toda a noite, pensando no que ía pasar cando as primeiras raiolas de sol iluminasen os teitos das súas casas. De súpeto nos seus pés algo se move e berra. O galo canta, dándolle a benvida a un novo día. Xa ía chegar tarde á cita! Bota a correr cara o lugar acordado, a torre cadrada do oeste.  Alí xa o estaba esperando un home alto e impoñente, tanto ou máis que as propias murallas da vila. “Estás preparada, filla?” Chanzo a chanzo pai e nena soben ao alto do torreón. Ao lonxe embaixo, o mar do Océano bate contra os cons. “Papá, non vexo nada.” O pai non responde. No medio das ondas comeza a dexergarse unha sombra que se achega. A nena berra de entusiasmo. “Aí vén, papá! É a nave máis grande que vin na miña vida!”

1240376_10201246365352720_2104135735_n

O castro de Niñóns ten unhas vistas privilexiadas sobre o mar. /Foto Manuel Rial/

De súpeto, unha enorme póla de eucalipto rompe a maxia. “É hora do xantar!” Foi unha mañá dura, de limpeza, entre fieitas, toxos e xestas. É o bo que ten a arqueoloxía, que un pode soñar esperto.

castro croas ninhons

Unha voluntaria limpa na croa do Castro. /Foto Manuel Rial/

limpeza castro croas

Vintecinco voluntarios limparon a entrada do castro. /Foto Manuel Rial/

Disto é do que vai, precisamente, o proxecto As Croas de Niñóns, un traballo de arqueoloxía social promovido polo Concello de Ponteceso, coa idea e axuda da Asociación Cultural Nosa Señora do Faro de Brantuas-Niñóns. Setembro está sendo un mes curioso para os veciños desta parroquia, que poden viaxar no tempo e “ver cara a cara” ós seus antepasados, como conta Manuel Gago, unha das almas do proxecto xunto co propio arqueólogo Xurxo Ayán.

xurxo e gago

Xurxo Ayan e Manuel Gago. Na dereita, asoma unha muralla orixinal. /Foto Manuel Rial/

Disto tratan precisamente as xornadas de voluntariado que se están a realizar neste xacemento do norte da Costa da Morte. Durante dous días, quen queira pode ser arqueólogo por un día e axudar a investigar sobre o terreo os lugares máis enigmáticos do xacemento. Este pasado sábado deu bos froitos. Dous grandes achados que se van sumando ó crebacabezas da historia desta construción castrexa.

muralla castro ninhons

Os muros das fincas misturanse coas murallas castrexas. /Foto Manuel Rial/

Antón Rodríguez Casal cando estudou esta fortificación nos anos 70 non se equivocaba ó situar a porta de entrada. Os traballos de limpeza desvelaron o que pode ser –a falta dunha escavación-  a porta de acceso á vila. Unha entrada con dúas posibles torres monumentais e cunha gran rampla de acceso.  Ademais, e o máis sorprendente, apareceu unha torre cuadrangular na zona do castro que mira cara ó mar. Normalmente, no mundo castrexo, as torres colócanse ao lado das portas. E neste caso mira directamente cara ó mar dende o mellor punto de vista. “Isto pode indicar a preocupación dos seus habitantes polo mar e a súa relación co océano” asegura Manuel  Gago.

castro croas ninhons muro

Impresionante o bo estado de conservacion das murallas. /Foto Manuel Rial/

castro croas ninhons oceano

As vistas, dende a croa do castro. /Foto Manuel Rial/

A aventura da historia non fixo máis que comezar, xa que queda por diante outra xornada de voluntariado, o día 28. Un petón cheo de pías naturais chamado Petón do Raposo será o protagonista. Intentarase descubrir por que os castrexos o escolleron como vértice da muralla superior e quixeron integrar a muralla con el. Para traballar nesta xornada é preciso apuntarse na web do Concello de Ponteceso, onde tamén está toda a información do desenvolvemento da xornada.

http://www.youtube.com/watch?v=8pphh3aI_gk&list=UUz-MqEPXSDQijdxR1QxgyjA

Tamén che pode interesar:

- “O castro das Barreiras é un afortunado”.

-“O patrimonio debe ser un negocio para todos, pero de xeito transparente”. Manuel Gago.

Os canteiros desvelan as incógnitas dos cruceiros.

-“Cando marchaba para casa mirei de reollo e vin o petróglifo” Esteban Sestaio.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario