Na rede de novo!

Volvemos. Soa estraño estar escribindo sobre a volta do Compás cando nunca se dixo “adeus”. Ese “adeus” foise retrasando porque no fondo non críamos nel. Era un… “véxote agora”. Lonxe queda a nosa última publicación; un chisco máis lonxe aquel  17 de maio de 2012. Este medio online para comunicar a axenda e a cultura da Costa da Morte xurdiu con moita ilusión e con visión de futuro. Se ben é certo que as circunstancias persoais foron cambiando e a ilusión –e o tempo- tívose que dividir con outros proxectos.

O obxectivo da creación do Compás era seguir practicando unha profesión que escollemos e tan difícil está poder exercela, e máis remunerada. O Compás era a forma de comunicar algo ao público e manternos ocupados ao mesmo tempo. Gozar do pracer de escribir…

Era e agora tamén queremos que siga sendo, aínda máis se cabe. Por que máis? Porque introducimos uns pequenos cambios polo que non escribiremos por sentir a obriga de dar a coñecer algo de actualidade –para iso seguirá a axenda de cultura e lecer- senón polas ganas que sentimos de poñernos diante dunha folla en branco e empezar a contar algo que nos gusta e, cremos, que vos poida gustar. Así, as publicacións irán xurdindo aos poucos de cada un de nós, cunha concepción de blog máis persoal. Iso si, queremos que sexan as suficientes para manter viva a páxina. Queremos que sexa un “véxote agora” dos de verdade. Aquí estaremos, para que nos leades. Polo momento, convidámosvos a que exploredes de novo –ou por primeira vez se nunca entrastes- a nosa páxina. Na axenda atoparedes os eventos de lecer dos concellos da Costa da Morte. Se nos falta algún que queres que apareza non dubides en contactar con nós, tanto nos correos como na páxina de Facebook. Síguenos! … e seguimos!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario