“Estaría ben que desde a Concellería de Cultura se promovera máis a música local”, Pedro Ramos, batería de Apart

Ao rock de Apart faltáballe unha voz. Esta resultou ser unha voz feminina, a de Inés Blanco. Xunto a Robin Mallo á guitarra, Daniel Barreiro ao teclado, Iago Pardiñas ao baixo e Pedro Ramos á batería, conforman Apart, recente formación musical carballesa que hoxe á noite debuta en público. Como non podía ser doutro xeito farano na sala Dublín de Carballo, entre os seus. ‘Será un primeiro concerto para desfrutar rodeados de xente coñecida’, comenta Pedro, con quen falamos para coñecer un pouco máis desta banda.

apart entrevista

A banda, por María Pereira.

Supoño que xa vos coñeciades de antes. Como xorde Apart?

Fai aproximadamente un ano. Robin e máis eu, que xa tocáramos xuntos noutro grupo, decidimos empezar cun novo proxecto. A nós uníronse dous amigos: Iago ao baixo e Daniel ao teclado. A falta dunha voz estivemos varios meses tocando xuntos por simple divertimento. O grupo consolidouse cando Inés se puxo en contacto comigo, ela buscaba grupo e nos cantante.

Tocades rock. Neste sentido, quen é o maior referente musical da banda?

Creo que non temos un referente claro, hoxe en día hai tal variedade musical que todo inflúe en maior ou menor medida. Cada un de nós ten en mente as súas bandas preferidas e supoño que iso se reflexa na forma de tocar así como nas ideas que aportamos á hora de compoñer.

Poderíamos encher liñas e liñas enumerando os grupos que nos gustan. Sen embargo, preferimos que a xente que nos escoite saque as súas propias conclusións e intente definir o son de Apart.

Quen se encarga de darlle vida ás letras? Axudádesvos entre os cinco?

As cancións que fixemos ata o de agora escribiunas Inés. Supoño que seguirá sendo así, aínda que poderíamos incluír algunha escrita por min.

Non vivides directamente da música. É difícil compaxinar isto co traballo e/ou estudos?

Por agora non nos é difícil. Pola semana cada un adícase ós seus estudos/traballo e cando chega a fin de semana intentamos quedar o máximo tempo posible para ensaiar.

Por outra parte, tedes algún plan de futuro? Gravación dun disco?

Creo que a gravación dun disco está presente en calquera grupo pero é moi cedo para iso. Seguiremos traballando en novas cancións e posiblemente gravemos unha maqueta.

1656368_610784132335907_767921517_n

Hoxe ofreceredes o voso primeiro concerto. Facédelo en Carballo, na casa. Que sensación tedes?

Esperamos encher a Dublín de amigos, familiares e coñecidos. Estaremos acompañados de dous grupos noveis da vila, The Gentlemen e Arabian Evils, uns bos amigos nosos. Polo tanto, as expectativas son moi altas. Será un concerto para desfrutar rodeados de xente coñecida. Tratarase de pasalo ben nunhas datas tan divertidas coma as do Entroido.

Carballo conta cun  nutrido número de bandas de rock alternativo. No voso caso, como sobrevivides a estes tempos? Recibides algún tipo de apoio?

A verdade é que en Carballo hai bastantes grupos pero non hai demasiadas oportunidades para tocar.  Actualmente só programan concertos a Sala A Reserva e a Sala Dublín, xestionadas por xente con moita iniciativa e boas intencións.

O principal problema está nas institucións xa que o apoio é escaso. Estaría ben que desde a Concellería de Cultura se promovera máis a música organizando actividades durante todo o ano que resulten máis atractivas para o público e tamén para os grupos.

No libro “Mujeres y música”, do xornalista Toni Castarnado, a cantante Christina Rosenvinge sostén que a música é un mundo masculinizado, especialmente en xéneros coma o rock. Apart é un xeito de impoñerse?

Apart xurdiu así. O que buscamos é facer boa música, non pensamos no xénero dos compoñentes. Penso que o rock estivo masculinizado noutra época, agora iso está cambiando. Hai grandes grupos a nivel mundial que contan con mulleres na súas formacións. Aquí en Galicia, por exemplo, temos a Agoraphobia, unha banda formada integramente por mulleres.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario