Domingo de Entroido en Carballo

Por Sofía Caamaño Deus

O cheirume a pedra mollada mesturábase onte, en Carballo, coa dozura do algodón de azucre e co espírito entroideiro que comunicaban a chegada da tradicional comparsa. A rúa Coruña interpretaba o rol de fiestra e deixaba entrever a festexada que se estaba celebrando na praza do concello. A música venceu a choiva que tentara, nun intento errado, arruinar a marea de cores e personaxes que invadían os arredores carballeses.

Os curiosos ollos dos espectadores, que rodearon o lugar do encontro, puideron ver dende un circo tradicional ata unha escena ambientada no medievo, na que utilizaron cabalos de verdade. A maxia do Entroido tamén conseguiu que moitos carballeses e outros veciños da localidade  cruzaran o charco sen moverse da capital de Bergantiños, trasladándoos ata as aclamadas cidades de Nova York ou Las Vegas. A creatividade non cesou coas actuacións dos maiores se non que tamén se contaxiou aos máis pequenos. Os cativos sorprenderon con vestidos de personaxes de todo tipo, aínda que predominaron os que eles coñecen mellor que ninguén, como os de Disney ou as bonecas Barbie. Non só os participantes no concurso optaron por disfrazarse, unha gran cantidade do público asistente lucía as mellores galas que atoparon para a ocasión.

entroidocarballo

As gotas de auga mostraron a súa cara máis amable dándolle un respiro aos carballeses e permitíndolles celebrar o Entroido da mellor maneira posible. Iso si, a súa tregua non durou moito xa que ao rematar a celebración as nubes cubriron o ceo e a auga non tardou en caer de novo.

 

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario