A arte tamén pode derrubar muros

Que custa máis, derrubar un edificio ou pintalo? Desta pregunta que soa materialista, ou pragmática se queremos, parte a xenial idea de acabar co feísmo do casco urbano de Carballo. Cando menos de intentalo, pois quedar, queda moito por facer. Así xorde Derrubando muros con pintura. O concelleiro Xosé Regueira tiña a idea na cabeza cando chegaron á localidade en novembro, por casualidade, as dúas artistas que agora coordinan o proxecto. “Fixemos un proxecto con un orzamento polo que se nos concederon tres paredes, unha en conxunto e outra máis para cada unha”, comenta a manchega Paula Fraile. A súa compañeira é Roberta Venanzi, que chega desde Italia. Xuntas derrubaron o primeiro muro, con pintura e moita cor.

IMG_4152a

O mural ponlle cor á rúa do Sol. [Foto: Noelia Antelo]

Con estilos moi distintos, as dúas mozas conseguiron conxugalos para a primeira obra de arte urbana, un mural conxunto que xa está rematado. Sitúase nunha parede da Rúa do Sol, no barrio da Milagrosa, preto da saída cara a Compostela. A idea inicial do mural era distinta. “Queríamos intervir a lona da pancarta que había de Benvidos a Carballo e ir pintando a parte baixa. E despois pensamos, e se seguimos pintando cara arriba?”, conta Paula. Finalmente, interviron cos seus debuxos toda a superficie. A chuvia retrasou o mural. Por exemplo, contan que en xaneiro só puideron pintar un día. Pero co bo tempo destas últimas semanas, o sol permitiu que xa poidamos gozar das cores e da arte desa fusión italo-manchega. O proceso, ademais dos obstáculos do tempo, non foi fácil polo estado da parede, que mesmo fixo que os pinceis se converteran de usar e tirar. Pero o esforzo valeu a pena. As artistas están satisfetias co resultado e de seguro os veciños tamén, pois sempre as animaban e mesmo aportaban ideas. “Querían que levase follas de carballo”, recorda Roberta. E así é. As escaleiras que sobresaen do que era a antiga edificación complicaron o proceso de pintar, e, con todo, ese relevo engádelle algo especial ao gran cadro.

Cando falamos de arte urbana pensamos nos graffitis ou mesmo en pequenos elementos con frases a modo de mensaxe que decoran as paredes das cidades, tendo como grandes referencias as capitais europeas, coma os coñecidos murais de Berlín, por exemplo. Pois en Carballo este movemento vai máis aló do graffiti e, sen menosprezar esta técnica, podemos dicir que Derrubando muros con pintura é ARTE. Isto ten moito que ver co método de traballo de Paula e Roberta. Comentan que non proceden da cultura muralista e non pretenden que “o seu sexa un graffiti calquera”. Buscan a calidade como se pintaran un lenzo. De feito, considéranos lenzos en grandes dimensións. “A idea é trasladar a nosa obra pictórica ao gran formato”, di Paula Fraile. “Así, partimos dos bocetos que faríamos en pequeno”, continúa.

Paula Fraile e Roberta Venanzi comezaron xa os seus murais individuais. [Foto: Noelia Antelo]

Paula Fraile e Roberta Venanzi, as coordinadoras, comezaron xa os seus murais individuais na centro de Carballo. [Foto: Noelia Antelo]

Vantaxes da arte urbana

Acabar co feísmo da paisaxe urbana carballesa é o obxectivo do proxecto. “A idea é aportar cor a Carballo, quitarlle un pouco dese gris, que é o leitmotiv da vila”, comenta Venanzi. O certo é que, mesmo nos arredores dos muros previstos, van seguir existindo fachadas deterioradas, construcións en ladrillo ou bloque e outras totalmente aberrantes. Sería interesante que ao redor do proxecto se crease unha conciencia dos propietarios para que a vila deixe de ser tan gris e se poida presumir da arte nunha contorna apropiada.

O proxecto tamén ten unha vertente educativa, segundo comenta Fraile, “é unha forma de espertar a curiosidade por esta profesión que non se coñece”. Finalmente, Derrubando muros con pintura é un atractivo turístico. “Queremos que se coñeza Carballo, que o proxecto traia xente para ver os murais e haxa máis movemento na vila”, destaca a artista italiana. Do proxecto derívase a posibilidade de facer unha ruta polas rúas carballesas, levar a arte á xente e facer “un museo aberto na cidade”, declaran as dúas coordinadoras.

IMG_4163a

A artista manchega aproveitará os carteis e a humidade do muro. [Foto: Noelia Antelo]

Se o sol continúa, Paula e Roberta contan con rematar cadanseu mural dentro dun mes. O relevo, con máis muros que derrubar con pintura, xa o colleron diferentes artistas plásticos locais. Repartidos por Carballo, sobre todo na zona da antiga estación no centro e no barrio da Milagrosa, comezaron os seus murais de arte urbana Emi de las Heras, Mon Lendoiro, Lidia Cambón, Cristina Castro, Santi Picos e Eva Facal. Non obstante, o toque internacional que xa aportou Roberta segue manténdose e chegará unha artista da India.

Razo estará presente no novo mural de Paula Fraile

A partir das manchas de humidade que hai na parede do mítico edificio onde estaba a tenda do fotógrafo Puga, a artista vai traballar a súa composición. Ademais, fará máis escura aínda a gran mancha da parte inferior. Tamén aproveitará os carteis existentes e no espazo onde debera haber un, pintará un cadro da praia de Razo. Será o toque de pintura realista que poderemos ver neste mural, cuxa idea é que, con figuras xeométricas, simule unha rúa. Agardaremos por ver o resultado, que pode variar finalmente, porque unha das características da arte de Paula Fraile é a improvisación.

Comentarios
2 Respostas a “A arte tamén pode derrubar muros”
  1. Un carballés di:

    La idea en principio es buena. El resultado, manifiestamente mejorable. Y no estaría de más que se hiciese algún tipo de consulta o concurso de ideas. Un espacio público no se debería modificar de un modo tan unilateral.

  2. Yo también soy de Carballo di:

    Me parece muy buena idea, esa pared estaba horrorosa y ahora invita a pasar por allí. Todo es mejorable, pero por algo se tiene que empezar, a unos les gustará a otros no tanto pero lo que si es cierto es que el cambio fue a mejor. Muy buena la iniciativa y espectacular el cambio visual de toda la calle. Ya es hora de arreglar Carballo y que todo luzca mejor, nos lo merecemos. Felicidades chicas, muy buen trabajo!.

Deixar un comentario