O monstro da Gándara

Dende sempre parecéronme curiosas as estruturas de placa e formigón que salpican a xeografía do país. Misteriosas, gardan o segredo de quen se decidiu a crear unha casa que non tiña moi seguro poder rematar. Por que comezaron a construción entón? Houbo algún impedimento legal? Só económico? A que espera o dono para acabar co monstro creado?

feismo vimianzo 1

Nisto todo ía cavilando mentres sobrevoaba a zona da Gándara en Vimianzo, buscando un novo obxectivo para volver dar guerra no Compás. Outros paxaros tíñanme falado do ben que comían entre as silveiras e fieiteiras que rubían por un edificio neste lugar. Vexetación tan impactante que chegaba até o teito. Ricos eles, que se conforman con vermes e moscas.

feismo vimianzo 2

En fin, seguindo a estrada principal como referencia axiña reparei no monstro. Dúas placas cos seus ladrillos na volta, por moitos lugares xa negros da humidade e por outros cubertos de verde. Décadas de olvido para un edificio que aínda non coñecera a burbulla inmobiliaria.

feismo vimianzo 5

Como se dun templo dunha civilización perdida se tratara interneime no monstro cuberto de vexetación. Doume a impresión de estar a atravesar unha selva da India ou do Amazonas, e que sen querelo até podería tropezar co mesmísimo Santo Graal, oculto por trampas e acertixos. Con tanta acumulación de trebellos e lixo na planta baixa do edificio case nin reparei na marabilla que se presentaba ante os meus ollos: un vello Renault estragado. O seu esquelete mailo do improvisado garaxe formando unha perfecta unión coa natureza intentando tapar o que molesta.

feismo vimianzo 4 feismo vimianzo 3

Pero non dei por rematada a viaxe con isto e decidín dar un paseo pola aldea próxima da Gándara. Aquí deixo escalofriantes mostras do dubidoso sentido da estética que teñen moitas persoas. A frase “a gustos, cores” debería reformularse a partir de agora…

feismo vimianzo horreo

A cabazo tradicional, escaleiras de cemento.

feismo vimianzo espanha

Todo por la patria.

feismo vimianzo alcachofa

A alcachofa como elemento decorativo. Un elemento a estudar.

feismo vimianzo santos

E que nos queda despois de todo isto? Pois rezar.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario