Unha webserie carballesa moi especial

“Toñito, ti es especial”. Xa llo dicía súa nai e el intentará descubrir o porqué. Conseguirao? Esta historia de extraterrestes (ou non tanto) é o resultado do obradoiro de webseries ofrecido dentro do Festival de Webseries “Carballo Interplay”, que a finais deste mes de abril terá lugar na localidade carballesa.

Vinte mozos e mozas carballeses participamos no taller que se desenvolveu durante os sábados do mes de marzo. Xente de distinta formación pero cun gusto común: o audiovisual. Deseñadores gráficos, historiadores da arte, comunicadores audiovisuais, xornalistas, artistas plásticos (e faltan profesións) xuntámonos para asistir a un obradoiro co director Javi Camino (da produtora Magnetova). Cada sábado dedicouse a unha fase da produción da webserie, comezando polo guión, co que contamos como profesores a Daniel Vilaverde e Enrique Lojo. Foron eles tamén os que perfeccionaron (e moito) o guión final despois de que cada grupo escribise un capítulo dos cinco que forman a webserie, protagonizada polo noso Toñito. E falando de protagonistas. Tamén os alumnos puideron facer o seu primeiro papel no mundo do audiovisual. David Varela e Sergio Mancebo son os mozos que lle dan vida a Toñito e ao seu axudante. E para que quere un axudante? Iso xa o veredes na estrea, non vos vou contar todo.

Javi Camino gravando unha escena en Monte Neme cos dous actores. [Foto: Carballo Interplay]

Javi Camino gravando unha escena en Monte Neme cos dous actores. [Foto: Carballo Interplay]

E así chegamos a rodaxe, nun só día percorremos distintas localizacións do municipio de Carballo: o Forum, o museo, Monte Neme, a estación vella… unha longa xornada na que houbo oportunidade de ser cámara, son, produción e script. Unhas anotacións perdidas que se van botar agora de menos á hora de montar, pobre do que lle toque! E a paciencia que hai que ter na etapa de montaxe foi o último que comprobamos o sábado pasado, cando rematou o obradoiro. Luis Froiz e Under Varela foron os profesores nesta ocasión. Uns pequenos consellos para editar no programa e, a probar! O resultado verémolo na estrea a finais de mes. Non vola perdades! Mentres, podes seguir ao “especial” de Toñito nas redes sociais: Facebook e Twitter.

O último día estivo dedicado á parte da montaxe. [Foto: Carballo Interplay]

O último día estivo dedicado á parte da montaxe. [Foto: Carballo Interplay]

Outras actividades

Ademais de ver o resultado da webserie “Toñito, ti es especial”, no Carballo Interplay que se celebrará entre os días 24 e 27 de abril, poderemos ver a selección de webseries chegadas de toda España e asistir a multitude de actividades paralelas. As que xa están confirmadas son:  un vermú con CREA –Asociación de directores e realizadores de Galicia-, presentación da webserie “Dos más dos cinco” –que busca financiamento a través do sistema crowfunding- e do proxecto Freaklances, mesa redonda sobre narrativas na web, master class sobre branded content, un código de fonte audiovisual protagonizado por Xosé Touriñán e concertos –as bandas locais Apart, The Gentleman , Arabian Evils e Antón dj un día, e Unicornibot, Calixta e Bigote mix a noite seguinte-. Consulta o programa completo cos horarios clicando aquí e máis información sobre as actividades citadas na web do Interplay.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario