De Liverpool ás Sisargas

DE LIVERPOOL ÁS SISARGAS

Empeza o filme.

Pantalla en negro.

de liverpool as sisargasA luz dun faro atlántico comeza a espertar. Lentamente, a ritmo de amencer nubrado. Entre as brumas debúxase, pouco a pouco, a paisaxe dunha praia. E no medio do areal… Non pode ser! No medio do areal: un piano. Un piano saído do mar!

Sublime secuencia! Excelsa fotografía! Onde está ambientada a película?

-En Nova Zelandia, a mediados do século XIX –afirmará quen vira “O Piano”, de Jane Campion, como admiten os autores do libro De Liverpool ás Sisargas no derradeiro capítulo-.

-Na praia de Alba, aldea do Rañal (Sabón, Arteixo) –contestaría quen o teña lido-.

Praia de Alba, xaneiro de 1889. E a banda de Michael Nyman ao fondo. Mentres unha voz en off anuncia un adianto de tráiler, desde a contraportada:

Corría o ano 1866 cando os irmáns Holt anunciaban en Liverpool a creación da Blue Funnel Line, unha compañía navieira que nacía co propósito de proporcionar un servizo de vapores regular de Inglaterra a China. O Priam, un dos seus buques, naufragou nas Illas Sisargas nos primeiros días de xaneiro de 1889. As correntes achegaron até os areais de Alba e Sabón gran cantidade de carga do barco: centos de metros de teas de la e de algodón, un baúl ateigado de libras esterlinas, e tamén un piano que acabaría soando no primeiro café que houbo na Baiuca, o Café Verán.

Que, un pouco máis intrigados? Sei que si…

Esta derradeira travesía do Priam combina á perfección o carácter ameno da historiografía relada, case literaria, con alusión a feitos reais que resultan case inverosímiles, mesmo poéticos. Mais que son verdade…

Desde logo, hai motivos para estalo. Porque De Liverpool ás Sisargas é un libro que paga a pena, independentemente dos intereses e inquedanzas intelectuais de cada un. Esta derradeira travesía do Priam –como subtitulan os autores- combina á perfección o carácter ameno da historiografía relada, case literaria, con alusión a feitos reais que resultan case inverosímiles, mesmo poéticos. Mais que son verdade… Vicisitude, por certo, da que non cabe a menor dúbida. Especialmente ao comprobar o pulcro rigor investigador de Xabier Maceiras Rodríguez e Fernando Patricio.

Xabier Maceiras Rodríguez, incansable descubridor das historias locais, político, colaborador de diversos xornais e cómplice da xira das maxestades do “Bravú”; Os Diplomáticos de Monte Alto. Mais, sobre todo, transmisor de testemuños etnográficos dunha riqueza incalculable, persoa que escoita e relata, que mantén vivo o pasado para afrontar o futuro.

E Fernando Patricio, referente fundamental no estudo das historias mariñas galegas. Autor dos imprescindibles Historia da costa galega e os seus naufraxios s. I-XIX e Historia da costa galega e os seus naufraxios s. XX e colaborador en diversos xornais, revistas e radios nas que difunde a súa sabedoría. Desde a que contribúe a construír país, con tanta precisión como paixón.

Dous escritores que nos dan conta, neste seu último traballo, do afundimento dese “Príamo” que partiu dun Liverpool decimonónico. Desde a melancolía da perda mais coa esperanza e curiosidade existencial de quen recibiu tan curiosas crebas. No mesmo ton en que, anos máis tarde, soaría o canto de cisne do grupo máis mítico desa cidade inglesa:

And when the night is cloudy

There is still a light that shines on me

Shine on until tomorrow, let it be

E cando a noite está nubrada,

Hai aínda unha luz que brilla en min

Alumea ata mañá… Let it be

Idéntica petición lle facemos aos faros atlánticos cando comezan a espertar. Lentamente, a ritmo de amencer nubrado. Le it be.

 

Rosalía Fernández Rial

A súa vida transcorre entre Carballo e Muxía dende que naceu en 1988. Licenciada en filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela emprega a súa arma en crear literatura, sobre todo poesía, como nos seus dous libros En clave de sol (2009) e Átonos (2011). Ou a súa última obra Ningún amante sabe conducir (2014).  Ademais conta cun traballo conxunto con Xan Fernández Carrera,Un mar de sensacións (2012), no que desenvolve unha serie de rutas poéticas para gozar da súa terra, a Costa da Morte.

Outros artigos:

- Eu quero ser coma el.

- Miradas.

- Amesmalúa.

- #prazadoslibros

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario