‘Costa da Morte': Cando o mar é un todo.

Dise que quen nace no mar, botarao de menos sempre que se atope lonxe del. Resulta difícil, coma galego e habitante dunha vila de costa, achegarse a un filme coma Costa da Morte e non sentir a brisa mariña que tantas penas cura cando as cousas non semellan ir tan ben coma deberan. E é que a cinta de Lois Patiño, que xa é por méritos propios o novo enfant terrible do panorama audiovisual galego actual, entrega coa súa ‘Costa da Morte’ a sincera cartografía dun espazo repleto de misticismo e do cal emana unha maxia que fica atesourada co devir dos séculos por un mar que sempre fluíu coa mesma furia, coa mesma celeridade.

Patiño busca testemuñar a esencia de algo tan significativo coma é o noso litoral por vía de fermosas imaxes, sucedéndose unha tras outra sempre cun fío simbólico latente e afastándose así da concepción descritiva da paisaxe á maneira de vacuas estampas. Así,  e como acaba de indicarse, en ‘Costa da Morte’ cada plano e secuencia posúen un significado, e no seu conxunto todo engarza á perfección dun xeito extraordinario.

COSTA DA MORTE L

Un dos fotogramas do filme.

Con todo, o gran acerto da cinta é o tratamento das figuras humanas dende a distancia, nunha escala minúscula.  Todas as persoas que transitan por ‘Costa da Morte’ falan do pasado, ás veces moi afastado –a secuencia dos distintivos castros celtas– e outras máis preto, e fano sempre miniaturizados, case indistinguibles, como pretendendo fundirse coa paisaxe, a verdadeira protagonista.

O realizador bota man da neutralidade, descartando a voz en off e pousando a cámara para que os personaxes campen polo espazo, divaguen acerca das súas vidas e intenten aproximarse ás historias –verídicas ou non– dos seus antepasados. É unha análise dende a distancia que se resolve de forma íntima e esclarecedora. Ademais, o filme é quen de mostrar con suntuosa beleza o halo de carácter místico intrínseco da nosa terra, co seu compendio de mitos onde se dan cita todo tipo de elementos de carácter lendario. Todo iso conségueo ‘Costa da Morte’ a través da evocación, de suxerir e de levalo a cabo cun sentido do estilo que alcanza cotas verdadeiramente extraordinarias.

Gusten ou non as nomenclaturas e as etiquetas, o certo é que o novo cinema galego é xa unha realidade, e é o momento de darlle o pulo necesario para que atope a proxección internacional que lle faga a xustiza que precisa, que non é outra que a constatación da enorme calidade dunha serie de novos realizadores como Patiño, posuidores dunha pátina eminentemente galega pero cunha linguaxe e códigos cinematográficos que o fan exportable a todo o mundo.

 

Lorenzo Chedas

LORENZO

Lorenzo Chedas Redondo (Boiro-A Coruña, 1989). Graduado en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras pasar pola revista Acción, agora podedes lelo na publicación ScifiWorld e tamén na web do magazine virtual LittleBit, onde é o encargado da sección de cine.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario