Algo do que somos: Código Fonte Audiovisual

Carballo convertíase a semana pasada na capital das webseries da man do Interplay, o primeiro festival dedicado a este formato no estado. Ademais de achegarnos 35 webseries chegadas dende toda España, pasamos catro días entre presentacións, coloquios, clases maxistrais e concertos. Nesta primeira edición do festival chamounos a atención a sesión de Xosé Antonio Touriñán co seu Código Fonte Audiovisual.

O Código Fonte Audiovisual naceu en 2010 definido coma un texto na rede ou unha sesión de directo na que unha persoa escolle pezas audiovisuais que sexan unha referencia para el para comentalas. Dende aquela houbo ducias de exemplos pero nunca se fixera en Galicia e en galego. A sesión de Touriñán en Carballo estivo apadriñada por María Yáñez e Felipe G. Gil, do colectivo EMBED, a orixe deste formato innovador.

Touriñán no Carballo Interplay /Foto: Tamara de la Fuente/

Touriñán no Carballo Interplay /Foto: Tamara de la Fuente/

A contada audiovisual de Touriñán comezou cos anuncios de Gadis e Turgalicia, cheos de tópicos sobre nós, que o actor intentou desmontar ante a mirada incrédula dos non galegos. Entre gargalladas foinos achegando a súa visión: os galegos non só andamos a cabalo e tocamos a gaita, tamén temos unha maneira singular de afrontar as situacións dramáticas.

Nesta altura, Touriñán amosounos algunhas referencias que o inspiraron no seu traballo para crear personaxes. Xuntos lembramos algúns dos momentos máis freaks da televisión galega. Non puidemos evitar rir unha vez máis co relato do morto durante a misa de Santo Andrés de Teixido e co de Tojeiro, entre outros.

A medida que avanzada a sesión, Touri foi abrindo o seu corazón e amosounos os momentos que máis o tocaron na pantalla. Entre eles, a morte de Currás en Mareas Vivas e o penalti que fallou Djukic. Houbo un recuncho tamén para a animación con dous referentes: Bola de dragón no Xabarín Club e Campeones. Como non podía ser doutro xeito, a mañá rematou coa música de Pimpinela para abrir a sesión vermú.

Ao final da proxección fiquei coa impresión de que non acababa de ver o Código Fonte Audiovisual de Touriñán se non o de case todos os galegos contemporáneos. Eses fragmentos mesturados, que case todos coñecíamos, falan moito da nosa identidade. Para ben ou para mal, identificámonos con ese imaxinario común. A fonte da que bebemos é case sempre a Televisión de Galicia,  o que dá unha idea do sentido dunha televisión pública no noso país.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario