‘No paro descubrín que o meu outro traballo, ‘a Arte’, seguía pedíndome que lle adicara máis horas’, Mon Lendoiro.

José Ramón Lendoiro Esmorís (Carballo, 1971). Técnico Superior en Artes Plásticas e Deseño de Gráfica Publicitaria e Ilustración. Mon Lendoiro, que é así como case todos os da vila o coñecemos, acaba de inaugurar Garabato, o seu primeiro obradoiro de belas artes situado nas míticas galerías que unen as rúas Fomento e Igrexa. O horario de apertura ao público é de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30, mais se o día é solleiro a galería ten un cartaz que pon: “Se sae o sol pola tarde, imos pintar o muro. Para calquera información ou consulta chamade ao teléfono…”. Gran activista da cultura carballesa, Mon colabora así na iniciativa Derrubando muros con pintura e afirma que as rúas -neste caso as da capital de Bergantiños- precisan da arte, que dá vida e emocións. Actualmente tamén participa na expo colectiva Gravado en Carballo (no Pazo da Cultua) e ten aberta a exposición Maneiras de querer (no negocio local Mar de Encuentros).

FOTO MON

Cando soubeches que a arte era o teu camiño?

Pois se che digo a verdade aínda non sei se ela me quere como parella. Ás veces faime dubidar e outras faime sentir moi seguro de min mesmo. O que sempre recordo dela é que desde moi cativo intentou seducirme e acompañarme nos malos momentos.

Repasando o teu blog na internet comprobei que a maioría dos teus traballos son pictóricos. Definiríaste coma pintor?

Eu definiríame mais ben como contador de historias. As miña letras son as formas, a liña e a cor. Unha obra sempre conta algo. Ten un proceso no tempo que vai lle recordar á xente o que aconteceu nesa época. Incluso nos describe o estado emocional no que se atopa o autor.

Se falamos de Mon Lendoiro falamos dunha das esencias da cultura carballesa. Como e porque xorde a idea de “Garabato”?

Ai, non digas iso! Que aínda me falta moito por percorrer, aprender e, incluso, equivocarme. ‘Garabato’ xurdiu porque me atopo nunha etapa da miña vida na que a arte ocupa máis tempo ca todo o resto. A crise fixo que perdera o traballo que levaba desempeñando como docente desde hai seis anos. A empresa na que traballaba empezou a ter problemas económicos. No paro descubrín que o meu outro traballo, ‘a Arte’, seguía pedíndome que lle adicara máis horas polos bos resultados que obtiña. Asique un día pregunteime que pasaría se montara o meu propio local, a miña propia galería de arte. A onde me levaría todo isto? Que perdería? As respostas tereinas co tempo.

exposmon1

Garabato I

Nun dos teus perfís na internet afirmas que o teu traballo fala por ti mesmo. Que se atopará a persoa que visite a galería?

Un universo de opinións, de desexos, de emocións, de formas de vivir ou ver a vida.

Dar a coñecer a arte contemporánea a un público local coma é o do Carballo supoño que non é doado. Cal é a estratexia deste novo obradoiro?

Eu creo que mais que dar a coñecer, o que trato é de educar. Os obradoiros que impartimos na galería están pensados para iso.

expomon2

Garabato II

Nova aventura profesional. É arriscado sacar adiante algo así nos tempos que corren?

Arriscado? Eu creo que mais ben estou tolo. Pero se non o intento nunca saberei se pagou a pena ou non.

Neste sentido, que pode aportar o mundo da arte para superar esta crise económica e cultural?

Coa arte coñécense moitos dos procesos históricos. Este é e será un máis. As vindeiras xeracións estudarán e entenderán o acontecido nesta época a través das propias obras pictóricas.

Colaboras no “Derrubando muros con pintura”. As rúas precisan arte?

Creo que mais ben as rúas de Carballo precisan vida e emocións. A arte dá iso coas formas e coa cor. Un exemplo: sentemos ante unha obra calquera, observémola e logo falemos do que vemos. Ao cabo dun anaco, as nosas penurias quedan a un lado porque a conversa invade o momento.

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario