“Recibir apoio das institucións públicas é fundamental para promover a cultura como piar fundamental do desenvolvemento social.” Olga Fidalgo pta da ARCE Pedras Miúdas.

Olga-Fidalgo-Pedras-Miudas-Lires

Olga Fidalgo, Presidenta da ARCE Pedras Miúdas

Pedras Miúdas nace no ano 2008 en Lires (Cee) co obxetivo de recuperar vellas tradicións como as danzas de arcos ou das patelas, así como para promover a actividade cultural na zona. Ao longo da súa traxectoria vimos como desde a entidade se levaron a cabo diversas iniciativas como exposicións fotográficas, foliadas, xornadas ecolóxicas e deportivas e un longo etcétera. Certo é que co paso do tempo foron medrando tanto as súas actividades como o número de socios converténdose a día de hoxe nunha das asociacións máis activas da Costa da Morte. Apenas dúas semanas antes de que se celebre a actividade estrela da ARCE, a Xuntanza Folk, falamos coa súa presidenta, Olga Fidalgo.

Fai arredor de 2 anos que colliches o relevo como presidenta da ARCE Pedras Miúdas, como valoras este tempo na asociación?

Foi unha época de cambios. Houbo varias incorporacións á directiva, e permaneceron ademais os membros que estaban. Con máis xente, ampliouse a capacidade de traballo,e tamén o número de proxectos e actividades. Remando todos na mesma dirección, medramos cada día e sobre todo adquirimos experiencia.

Pouco despois da túa chegada desde a ARCE enviastes unha carta aos medios para protestar pola falta de colaboración por parte dalgunhas institucións, mellorouse algo neste aspecto?

No seu momento, foi un xeito de reivindicar unha necesidade determinada. Os recursos cos que contamos son escasos, e recibir apoio das institucións públicas é fundamental non só para seguir manténdonos vivos, se non tamén para promover a cultura como piar fundamental do desenvolvemento social.

Hai moito camiño que andar, pero tamén é certo que nesta temporada se foron dando pasos na dirección axeitada. Pouco a pouco.

Rally fotográfico, xornada ecolóxica na praia, Xuntanza folk… Pero sen dúbida do máis falado foi da comparsa “Abaticando o Vaticano”. Que se esconde detrás dese gran éxito?

A clave de todo foi a colaboración dos participantes. A xente estaba moi motivada e todos aportaron o gran de area. Dende os máis cativos, que tamén axudaron na elaboración dos disfraces, pasando polas nais, que coseron os sesenta traxes en apenas un mes. O ambiente era moi bo, e o espírito co que participamos no Entroido era aquel que tiña por bandeira pasalo en grande.

Aínda así a comparsa non gustou a todos por igual, como ves as críticas recibidas por parte dalgúns sectores?

Sen querer entrar en máis conflitos, simplemente dicir que a nosa intención era meternos de pleno no ambiente de escarnio que caracteriza ao Entroido, sen máis. O ano anterior criticamos o escándalo das preferentes, o duro drama dos desafiuzamentos e a corrupción, e non pasou nada. Desta vez tocamos, en clave de humor outro sector que tampouco está exento de polémica… Creo que se sacaron as cousas de contexto.

gaiteiros-pedras-miudas-lires-compas

Olga fidalgo, acompañada por parte dos seus compañeiros de Pedras Miúdas.

Teremos dous fins de semana de actividade arreo. O primeiro (o sábado día 10, a partir das seis) está dedicado ao baile. Non só Pedras Míúdas, senón que temos a sorte de contar con grupos como Terra de Sena e a asociación Breogán, de Brens, así como “Ecos e Agarimos”, que chega dende Gondomar, para ofrecer unha tarde de baile e música tradicionais. O domingo a mediodía, como vén sendo costume, haberá a danza de arcos, primeiro na igrexa e logo na praza de Riba das Eiras.

Á semana seguinte, coincidindo co día das Letras, celébrase o propio festival. Dende as oito haberá churrascada, amenizada con música dos compañeiros “Peta Forte”, a a partires das dez e media estarán “Chiculate”,Os Naviza e a banda de Poi.

O verán estase a achegar e a cuestión é simple, que está a preparar a ARCE para os vindeiros meses?

De novo tocará a xornada de limpeza da praia, seguida dos xogos na area. Tamén organizaremos unha ruta guiada pola zona da ría e da costa de Lires para coñecer os recantos da zona e o porqué dos seus nomes. Non faltará tampouco a churrascada anual, con foliada incluída, actividades para rato!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario