A Festa da Lingua

Hoxe é a festa da nosa lingua. Hoxe conmemoramos un ano máis o Día das Letras Galegas. Por certo, xa suman tres “días” nos que en Compás celebramos con vós esta festividade, incluíndo aquel 17 de maio de 2012 no que comezamos esta aventura de unir a cultura, a Costa da Morte e facelo na nosa lingua.

Onte en Carballo tivo lugar a Festa da Lingua, unha gala na que entre actuacións musicais en galego con Garcia Mc e Os tres trebóns, tamén houbo tempo de reivindicacións da man de tres mozas que subiron a ler o seu manifesto “Polo futuro da nosa lingua, nós queremos usala hoxe e todos os días”. E aí onde xa me empezo a preguntar por que o temos que facer. Quizáis porque a Administración autonómica non apoia o suficiente o idioma propio? Quizáis por este día lin no xornal que a produción de libros en galego descendeu un 60% nos últimos cinco anos? Por suposto, estoume esquecendo das excepcións, que tamén as hai, e nos dan esperanza.

Unha esperanza da que tamén fala José Casás García, o gañador do Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo desta edición. Xa van dez anos deste galardón que pretende, entre outros obxectivos, incentivar a presenza do galego na prensa. A verdade é que o botamos en falta. Menos mal que quedan refuxios!

Os exemplos, título do artigo de Casás, establece un paralelismo entre a Xeración Nós e a Xeración Xabarín. Unha primeira xeración que coa súa actividade “alumaron a nosa cultura”, e que os mozos coma el estudamos nos libros, e outra que naceu nas nosas pantallas de televisión.  “Os inadaptados tiñamos un novo lema: ‘Oink’. Os inadaptados xa non eramos tal, eramos a Xeración Xabarín”, escribe o autor. Si, moitos mozos e mozas medramos sendo do clube da Galega!

“Dá gusta ter creadores así –referíndose ao rapeiro de Ordes, García Mc, que abrira a noite- porque aí está o futuro do noso idioma”, comeza Rebeca Blanco, a presentadora do acto. “E é que a lingua tamén necesita festa, alegría e enerxía”, conclúe a xornalista. Enerxía non faltou coa poesía en galego feita hip-hop da man de García Mc e os ritmos bailables e divertidos de Os tres trebóns.

A pasada noite non faltaron as referencias a Celso Emilio Ferreiro. As verbas do autor serviron para reivindicar a nosa lingua no manifesto das rapazas e tamén para facer música da man do artista de Ordes. Nada mellor para explicalo:

Eu fáloa porque si, porque me gosta, porque me peta e quero e dáme a gaña.

Feliz Día das Letras Galegas! Por moitos 17 de maio en galego!

festalingua

Tres mozas carballesas leron o manifesto polo futuro do galego. [Foto: Xosé Regueira]

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario