“Queremos impulsar aos grupos que non teñen a oportunidade de tocar noutro tipo de festivais”, Xabier Herranz, do Festival Solpor

solpor ponteCon motivo da celebración da primeira edición do Festival Solpor O Compás falou con Xabier Herranz, membro dun grupo de mozos pontecesáns que deciden poñer en marcha esta nova cita musical da Costa da Morte que terá lugar o próximo 19 de xullo en Ponteceso. Un festival que nace cunha idea clara: a de dar cabida aos grupos musicais da comarca.

I edición do Solpor Ponteceso. Quen é a cabeza pensante deste festival e a que se debe a súa posta en marcha?

Somos un grupo de amigos de Ponteceso. Falando entre nós démonos conta de que aquí había sitio para un festival como o Solpor.

A comarca xa conta con varios eventos festivaleiros deste estilo. Falamos do Nordestazo Rock, O V de Valarés ou O Sereas e Piratas. Que terá o Solpor que non teña o resto?

A nosa idea é facer unha fusión de ambientes e estilos: rock&roll, rap, indie, reggae e música disco. Non queremos ser un festival que se centre nun só tipo de música coma o resto dos que existen na actualidade.

Relacionado con isto, supoño que a aposta polo 19 de xullo terá algo que ver coas datas dos demais festivais, non?

Si, facerse un oco no verán está moi complicado. Non quixemos coincidir co resto para non pisarnos o traballo os uns aos outros.

Falamos de cartos, pois non corren moi bos tempos. Como se saca adiante un festival?

Con moita ilusión e ganas e, por suposto, coa colaboración do Concello de Ponteceso e dalgúns locais da zona como a Discoteca A Vieira ou o restaurante O Cabazo de Corme.

Será de balde ou con entrada?

Formular un festival gratuíto na súa primeira edición é practicamente imposible, por iso trataremos de ter prezos económicos. Ademais, contaremos coa venda de entradas anticipadas cun gran desconto, que xa se poden obter a través da nosa páxina en Facebook.

Solpor. Ponteceso. A localización é neste caso outro dos puntos a ter en conta. Onde se vai celebrar?

O festival celebrarase no concello de Ponteceso. O lugar concreto anunciarémolo nos próximos días.

E en canto á promoción, chegamos a vós vía Facebook. Credes que esta é a mellor forma de chegar ao público?

Si. Vivimos na era da tecnoloxía e, polo tanto, está claro que esta é unha das vías máis importantes e tamén das máis económicas para chegar ao público. Pero estamos convencidos de que o “boca a boca” será a gran baza da nosa publicidade, e tampouco descartamos a idea de facer carteis e cuñas publicitarias na radio.

O cormelán Brandy Four, o coruñés Daclown e os pontecesáns Spider Krabs e Not Ónly Shills son as primeiras confirmacións. Cantas máis vai haber?

Estamos traballando moi duramente para pechar o cartel o antes posible. A nosa idea é chegar a anunciar de cinco a seis grupos e dj’s máis, entre os que pode haber algunha sorpresa.

Clara aposta polo local e o ‘pouco coñecido’. É unha pretensión para atraer a outro perfil de ‘festivaleiro’?

Queremos dar cabida e impulsar aos grupos que non teñen a oportunidade de tocar noutro tipo de festivais. Buscamos todo tipo de público ao que lle guste a boa música e pasalo ben nunha noite máxica de verán.

Que razóns lle dariades ao público para que se achegue a Ponteceso e de paso ao Solpor ese día?

Coñecer un dos recunchos máis fermosos da Costa da Morte, descubrir novos artistas e gozar de máis de dez horas de música en directo. Todo nun ambiente veraniego!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario