Idealipsticks e Wau y Los Arrrghs encabezan o Rockin’

Se che gusta o rock tes unha cita o próximo 27 de xuño co Rockin’, no marco das festas do San Xoán de Carballo. No Rego da Balsa –detrás da vella estación de autobuses-, tocarán os carballeses Apart, os madrileños The Government, os manchegos Idealipsticks e os valencianos Wau y los Arrrghs. Airton&Senna Dj’s pecharán a noite do festival de rock das festas carballesas, que este ano celebra a sétima edición.

Na mesma liña das edicións anteriores, o Rockin combina bandas emerxentes do panorama musical galego e nacional con outras xa consagradas. Nesta ocasión, encabezan o cartel Wau y los Arrghs e Idealipsticks. Con eles falamos un pouco sobre a súa música e o que van ofrecer enriba do escenario.

“Idealipsticks é un xogo de palabras xurdido do logo do grupo: a foz e o pintabeizos”

idealipsticks2

Eva e Jave, os señores Ryjlen, levan 15 anos no mundo da música. Non obstante, o proxecto de Idealipsticks é máis recente. Con esta nova formación publican en 2009 Radio Days. Os seguintes traballos son aínda máis rockeiros: Sins and songs (2010) e Humanimal (2013).

Levades máis de 15 anos dedicados á música. En que momento nace o grupo?

Levamos facendo música xuntos por diferentes bandas desde os anos 90, polo que dunha maneira ou outra o grupo xurdiu o primeiro día que empezamos a tocar xuntos. Que agora nos chamemos Idealipsticks é algo menos importante que o feito de facer equipo desde fai tanto tempo.

É despois dunha estancia en Londres cando volvedes con máis forza baixo o nome de Idealipsticks. Que significado ten?

Xurdiu primeiro o logo da foz e o pintabeizos. Máis tarde, saiu o nome co xogo de palabras.

O común denominador do festival é o rock. Pero este estilo ten moitos subxéneros. Cales son os vosos?

Non nos gustan moito as etiquetas, por iso só abrazamos voluntariamente o rock, a secas. Preferimos apuntar as etiquetas do que NON somos para definirnos. Por exemplo: metal rock, rock Cristián ou tecno rock. Todas as demais poden entrar no que facemos.

De que referentes podemos falar?

Gústannos os clásicos: as bandas dos 50, os 60 e os 70. Aínda que tamén nos gustan as bandas modernas que soan a esa época, entre os Lead Belly ata os Black Keys hai moito onde elixir.

Presentaredes o último disco Humanimal pero supoño que dos anteriores tamén soará algún tema. Como será o directo?

Non levamos o concerto guionizado nin facemos o mesmo cada noite. Ata antes de tocar non decidimos a lista de cancións.

Que ofreceredes ao público de Carballo?

O directo é unha das facetas coa que máis gozamos. Sempre estamos moi contentos de estar xuntos e esa enerxía adoita fluír nos concertos. Todos somos moi conscientes de que o escenario é un sitio moi especial e entregámonos para desfrutar o máximo dos minutos que pasamos sobre el.

 “Wau y los Arrrghs é un nome que nos carteis chama a atención e mola pronuncialo –nótase que nos gusta eh!-“

wau-arrrghsWau & Los Arrrghs comezan facendo versións de grupos esquecidos dos anos 60. Como mostra o seu primeiro EP, Cantan en español (2005). Este quintento valenciano tamén ten composicións propias, que son a maioría no seu último traballo Todo roto (2013).

Como nace Wau y los Arrrghs? E, sobre todo, de onde sae este curioso nome?

A banda nace, como moitas outras formacións, no momento en que a alguén se lle ocorre dicir: eh ‘nano, vamos montar un grupo de garaxe salvaxe e vamos ‘liala’ a base de ben. O nome xorde porque soa moi ben, ten ‘punch’ e é unha clara extensión do que representa a banda. É un nome que nos carteis chama a atención e mola pronuncialo –nótase que nos mola eh-.

Rock garaxe. Podemos definir así o voso estilo?

Garaxe punk con cancións de desamor para bailar!

Tanto no primeiro como no segundo disco predominan versións en español de temas de grupos anglosaxóns. Preferides adaptar a compoñer?

En Cantan en español hai dúas propias, en Viven hai cinco e en Todo Roto hai sete. Segundo imos sacando material imos incluíndo máis temas propios. Non o vemos coma unha evolución necesaria ou marcada polos demais, pois dános igual que a xente opine que non traballamos moito as composicións propias. Temos unha maneira de facer as cousas que nos permite fusionar o noso esforzo coa diversión. Estamos moi cómodos adaptando orixinais e levándoas ao noso terreo.

Presentaredes en Carballo só último traballo, Todo roto, ou tamén incluiredes temas pasados?

Ademais de Todo roto, tamén tocaremos os temas máis coñecidos dos discos anteriores.

Que ofreceredes no directo do Rockin?

O único que sabemos facer: tocar forte, duro e salvaxe. Os nosos directos adoitan ser coa xente suando, rindo e con ganas de beber e follar!

Comentarios cerrados.

Deixar un comentario